Sanxenxo, 20 de maio de 2025.- O escritor, científico e académico Francisco Peña presentará en Sanxenxo o seu libro “Rumbo a la salud ambiental planetaria y a un mundo nuevo. Las claves para afrontar las grandes amenazas del siglo XXI”. O acto terá lugar o xoves 5 de xuño, ás 20 horas, no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo. O acto contará, ademais do autor, coa participación, a través de videoconferencia, de Eleuterio Martínez Alcántara, científico e investigador de recoñecido prestixio en América, expresidente da Academia de Ciencias da República Dominicana.
A obra mergúllanos nunha viaxe polos desafíos ambientais máis urxentes do noso tempo e realiza unha análise exhaustiva con propostas concretas sobre a contaminación atmosférica urbana, o cambio climático e a perda de biodiversidade. Na mesma liña, propón construír cidades saudables, sostibles e resilientes; unha economía circular aplicable á sustentabilidade das augas e á xestión dos residuos, así como a imperiosa necesidade de avanzar cara a unha transición enerxética e o impulso das renovables para minimizar o risco de pandemias e outros problemas que ameazan o planeta e a saúde.
Peña ofrece nesta obra un diagnóstico da situación e proporciónanos as claves e solucións innovadoras para construír un mundo novo, un futuro máis saudable e sostible para as futuras xeracións. O autor insiste na importancia do coidado do contorno e na imperiosa necesidade de apostar por un novo concepto de saúde baseado na prevención e na promoción de estilos de vida saudables e sostibles.
O autor vai máis alá dos aspectos estritamente científicos, convídanos a reflexionar sobre a dimensión social, económica e política dos problemas ambientais. O autor alza a súa voz cun chamamento á acción: “É preciso estar por enriba das ideoloxías políticas, dos límites xeográficos e dos intereses económicos, e sumar esforzos e traballar xuntos para construír un mundo novo entre todos no que reine a paz.”