A aplicación da zona azul gratuíta en 3 rúas máis e no solar do novo mercado multiplica por 9 as prazas dispoñibles deses espazos
Sanxenxo, 6 de xuño de 2025.- A rotación das prazas de aparcadoiro, entre as 9 e as 21 horas, permite o estacionamento de máis vehículos en zonas de especial actividade comercial e hostaleira. Sanxenxo é un dos poucos destinos turísticos que no verán aplica unha zona azul gratuíta e non de pago como é o habitual.
En 2019 o Concello estableceu por primeira vez unha zona azul gratuíta no verán que suma 1.200 prazas de estacionamento dispoñibles nas rúas máis céntricas da vila de Sanxenxo e na Avenida Rafael Picó de Portonovo. De maneira que, onde antes podía estacionar un vehículo, grazas á zona azul poden facelo 8 coches durante un máximo de hora e media entre as 9 e as 21 horas. Ademais, dun noveno vehículo pola noite. Deste xeito, as 1.200 prazas multiplícanse por nove e poden dar servizo a 10.800 vehículos.
O goberno, como en veráns anteriores, ten xestionado novos espazos e medidas para incrementar as prazas de aparcadoiro. Destacan o solar no que se levantará o novo mercado de Sanxenxo con capacidade para 38 coches e 6 motos que, en rotación, permite o estacionamento de 396 vehículos e a apertura dunha nova rúa que sae da rotonda do hotel Terraza con 60 prazas. A ampliación da zona azul a 4 novas rúas e outros espazos incluídos no cadro inferior xeran 1.464 novas prazas de aparcadoiro:
Lugar | 2024 | 2025 con rotación | Aumento |
---|---|---|---|
Terreo A Florida | 22 | 198 | 176 |
Mercado de Sanxenxo | 0 | 396 | 396 |
Nova rúa rotonda do Terraza | 0 | 60 sen rotación | 60 |
R/ Emilia Pardo Bazán, Sanxenxo | 24 | 216 | 192 |
R/ Poetas Galegos, Sanxenxo | 21 | 189 | 168 |
R/ Espiñeiro, Portonovo | 54 | 486 | 432 |
R/ das Cunchas | 0 | 40 sen rotación | 40 |
Novas prazas de aparcadoiro | 1.464 |
A maiores, nos últimos anos o goberno puxo en marcha aparcadoiros complementarios no centro das vilas, sen limitar o tempo de estacionamento, que suman 1.350 prazas. É o caso de dous terreos da Rúa Vigo e doutros tres xunto ao mercado provisional, a nova igrexa de Sanxenxo e a gardaría O Tombo en Sanxenxo. En Portonovo, outros catro espazos fronte ao mercado, na rúa da Perla (asfaltado e pintado), no varadoiro e en Baltar.