Concello de Sanxenxo - OS COLEXIOS DE SANXENXO INICIAN O CURSO SEN INCIDENCIAS E CON 1.241 ESCOLARES MATRICULADOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Membros do goberno asistiron esta mañá ao arranque da actividade nos centros educativos

Sanxenxo, 8 de setembro de 2025.- Os colexios de Sanxenxo iniciaron hoxe o curso sen incidencias e cun total de 1.241 escolares matriculados nos colexios Magaláns, A Florida, Portonovo, Abrente, Nantes, O Telleiro, Cruceiro e EEI Aios. O equipo de goberno, como en anos anteriores, acudiu aos inicios de curso nos distintos centros. Tamén comezou a actividade nos institutos: en Vilalonga con 766 alumnos, aínda con matrícula aberta, e en Sanxenxo con 285.

En A Florida, a actividade arrancou cun novo acceso para Primaria e Infantil debido ás obras que se van executar na rúa Ricardo Santos para mellorar a seguridade viaria no contorno do centro educativo. Tanto autobuses como escolares puideron estacionar os vehículos na parcela acondicionada polo Concello e percorrer os itinerarios habilitados para acceder ao centro. Tamén hoxe comezou a actuación que acometerá a Deputación de Pontevedra na estrada de Padriñán, que mellorará o tránsito e a seguridade peonil.

Outro dos centros educativos pendente de concluír obras é o CEIP Portonovo, onde está previsto que rematen nun par de semanas, sen que isto supoña un problema para o desenvolvemento habitual das clases. A Xunta está a investir máis de 240.000 euros en diversas intervencións que abranguen unha superficie de 1.156,45 m². As actuacións no CEIP Plurilingüe de Portonovo inclúen a instalación dun ascensor na parte esquerda do centro, con acceso desde o vestíbulo principal, e a reconfiguración de espazos para mellorar a accesibilidade.

Nos vindeiros días, desde a Concellería de Educación dirixida por Nati Parada realizarase o reparto gratuíto de 1.280 axendas escolares, que este ano contará co deseño da ilustradora local Yolanda Martínez, de Fíos e Baleas.

0
0
0
s2sdefault