SANXENXO PRESENTA UN NOVO PROGRAMA MUNICIPAL DE ATENCIÓN Á INFANCIA E ADOLESCENCIA
O obxectivo é garantir o seu benestar emocional e psicolóxico, así como previr situacións de violencia.
Sanxenxo, 8 de outubro de 2025.- A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, presentou esta mañá, xunto coa educadora familiar municipal, Chus Casal, un novo programa de Atención á Infancia e Adolescencia ás representantes das ANPAS dos centros educativos. En Sanxenxo hai na actualidade 2.420 menores que representan o 13,4% da poboación. “Dende o Concello buscamos que o Día da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, non se quede só niso, nunha efeméride sen máis. Queremos ir máis alá cun programa novidoso que axude a previr situacións de violencia, garantindo contornos seguros e protectores, en definitiva, fomentar o bo trato á infancia”, asegurou Lago.
O programa, que xorde do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) de Servizos Sociais, en funcionamento dende 1996, e onde se abordan de maneira integral “as dificultades que os pais e nais poidan ter na educación e crianza dos seus fillos”, permitirá, por primeira vez, traballar na prevención.
Nesta primeira edición realizaranse catro actividades nas que se traballarán 4 liñas de acción baseadas nas necesidades que se foron percibindo nas familias do municipio:
-
Prevención. Un de cada cinco nenos sofre abusos sexuais. “Non é para alarmarnos, pero si preocuparnos polo que está pasando”, apuntou Lago.
-
Sensibilización, promoción e difusión. Traballar no coñecemento dos seus dereitos e ofrecerlles puntos de axuda como o teléfono da infancia ou o propio SEAF.
-
Participación. Crear un grupo de traballo ou órgano municipal coa participación infantil e adolescente.
-
Intervención. Medidas de protección ante unha situación de abuso ou vulnerabilidade dun menor.
A primeira actividade do programa será os días 20 e 21 de outubro, no Auditorio Emilia Pardo Bazán: “Os teus fillos consomen porno: Que vas facer”, un obradoiro impartido polo doutor en Psicoloxía e especialista en Sexoloxía José Luis García, con ampla experiencia na materia. Traballou como psicólogo clínico e sexólogo no Goberno de Navarra durante trinta e seis anos e coordinou os seus Centros de Orientación Familiar e Educación Sexual. Publicou 16 libros e foi premiado en 8 certames de carácter oficial. “Con este currículo chega a Sanxenxo para ensinarnos, ás nais e pais, os riscos asociados ao consumo de pornografía e a abordar unha educación sexual real e actualizada. Farase unha charla de sensibilización e un obradoiro co título ‘Nais e pais vergonzosos’”, apuntou Lago.
Os seguintes obradoiros, dos que se informará das datas, serán:
-
“O noso fillo ten unha discapacidade. O meu irmán ten unha discapacidade”, no que se abordará o bo trato á infancia atendendo ás necesidades e particularidades dos menores con irmáns con algunha discapacidade.
-
“O delegado de protección”, que terá como obxectivo que os lugares onde se atopen os menores sexan espazos seguros, vinculado ao ámbito deportivo e de lecer.
-
“Prevención da violencia sexual na infancia”, no que se facilitarán ferramentas para previr a violencia sexual.
-
“A saúde emocional”, no que se promove o coidado e a saúde emocional dos menores.
Trátase dun programa integral que aborda as emocións dos menores desde distintas perspectivas.