A actuación conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que achega 900.000 euros, e o resto afróntase con fondos municipais
Sanxenxo, 1 de decembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo sacará mañá a licitación a rehabilitación do Multiusos de Portonovo por 1.257.621 euros e un prazo de execución de 9 meses. O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa ubicación, en pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso, fan que o goberno local decidise melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais e de diversos usos sociais e educativos. A ambiciosa reforma conta cunha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
A redistribución das plantas e que, tanto escaleira como ascensor, cheguen á planta semisoto permitirá utilizalo como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e recepción de usuarios, deixando un importante espazo libre e flexible, multiusos, onde realizar desde pequenos actos, exposicións, presentacións tanto do Concello como das distintas asociacións.
A media planta pola rúa lateral accederase de maneira totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º, ao pequeno espazo multiusos da planta primeira para un uso esporádico de evento público ou privado independente do resto do edificio e totalmente acondicionado acústica e térmicamente. Unha grada retráctil, un espazo de almacenaxe e un pequeno escenario habilitarano para practicamente calquera acto, obra de teatro, clases de baile, ioga ou pilates. Tamén nesta planta habilítase unha sala multiusos cunha pequena cociña onde se poderán impartir cursos de cociña.
A seguinte planta habilitarase integralmente para o departamento de Servizos Sociais, para o que se habilitará un total de 8 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada a usuarios e unha sala de reunións para os traballadores.
A planta segunda albergará as aulas de educación para maiores e o despacho de profesores. Tamén se habilitará unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos. Por último, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudos para aproximadamente 20 usuarios, onde primará a iluminación e o confort acústico.