Concello de Sanxenxo - SANXENXO COMEZARÁ O ANO CON 9 OBRAS EN FASE DE EXECUCIÓN E 8 EN PROCESO DE CONTRATACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos suman máis de 10 millóns de euros, financiados con fondos propios e doutras administracións

Sanxenxo, 30 de decembro de 2025.- Sanxenxo comezará 2026 cunha importante carteira de obras en execución, 9, e case outras tantas, 8, en proceso de contratación, que está previsto que se liciten no primeiro semestre do ano. Un listado de proxectos que suman máis de 10 millóns de euros, financiados con fondos propios e doutras administracións, e no que non se inclúen as obras de saneamento e depuración, froito do convenio con Acuaes e Poio, que suman 24 millóns de euros. Tampouco se inclúen as da ampliación da rede de saneamento do rural que executa Espina e Delfín, valorada en 12 millóns de euros, das que, das 65 actuacións previstas, 36 xa están executadas.

Entre as obras en execución destaca a Humanización do Camiño de Arra, cun importe de 276.739 euros. A actuación ten como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viarios de acceso. Pendentes dos traballos de xardinería atópanse a Mellora do acceso á Travesía Areal, cun investimento que rolda os 166.604 euros. Ambas financiadas a través do Plan Máis Provincia.

A piques de culminar atópase a Construción do peche perimetral do Punto Limpo, financiada con fondos europeos e fondos propios, e cun investimento que ascende a 94.868 euros. A Mellora do acceso ao lugar da Laxe e Padriñán, na contorna do colexio da Florida, tamén se atopa en execución. O investimento ascende a 64.960 euros e está financiado polo Agader.

As obras de Mellora da contorna do Mercado de Sanxenxo, pendentes da pintura e do traslado do semáforo, valoradas en 292.195 euros, así como a Rehabilitación da Telleira, valorada en 832.902 euros, tamén se atopan en proceso de execución. No mesmo punto se atopa a Rehabilitación do antigo colexio do Cruceiro, valorada en 2,4 millóns de euros, que albergará un FP Dual de hostalaría e restauración, un centro social de maiores e unha biblioteca.

A piques de rematar atópase a Mellora da eficiencia enerxética da Casa de Cultura de Nantes, cun investimento de 149.318 euros.

En fase de adxudicación ou contratación atópanse a Rehabilitación do edificio Multiusos de Portonovo (1,3 M€), a Humanización do Camiño do Castro en Dorrón (412.445 €), o Acondicionamento e mellora da iluminación dos campos de fútbol de O Revel e Baltar (93.024 €), a Ampliación de vestiarios no campo de fútbol de Baltar (61.753 €), a Humanización do núcleo rural de Padriñán, a Humanización do núcleo rural de Aios (674.190 €), o Paseo Litoral dende o Paseo de Silgar ata Rafael Picó (1.799.995 €) e a Mellora da seguridade viaria Portonovo–A Vichona (922.856 €).

0
0
0
s2sdefault