A actuación ten un custo de 102.737 euros e opta aos fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 1 de abril de 2026.- O Concello quere recuperar o tramo urbano do regato de Lavapanos, que comunica a Rúa Madrid coa Rúa Progreso, como zona de esparcemento e descanso. A actuación ten un custo de 102.737 euros e opta aos fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é recuperar un corredor fluvial urbano degradado e oculto, afectado pola proliferación de vexetación espontánea e acumulación de residuos, restaurando as súas beiras, recuperándoo ambiental e paisaxisticamente, e dotando o entorno dunha nova infraestrutura verde-azul de calidade.
A mellora da conexión unida ao novo espazo de descanso e esparcemento xerado no tecido urbano de Sanxenxo son os protagonistas da actuación.
Esta nova praza articúlase en torno a elementos de mobilario urbano: bancos circulares e curvilíneos de sección variable e xardineiras a rás de chan que conteñen vexetación e especies arbóreas, fundíndose de maneira harmoniosa na paisaxe de ribeira recuperada mediante transicións morfolóxicas suaves e texturas de materiais naturais.
A iluminación ambiental de baixo consumo garantizará a seguridade sen afectar ao ecosistema nocturno. A interconexión vertical coa rúa a nivel superior e coa praza a cota inferior materialízase mediante escaleira de formigón.
A paleta vexetal prioriza especies adaptadas ao clima atlántico-litoral galego, seleccionadas pola súa rusticidade, baixo requerimento hídrico e compatibilidade ecolóxica: Jacaranda mimosifolia, Cycas revoluta, Strelitzia reginae, Carex, Stipa tenuissima, Yucca rostrata, Diosma Sunset Gold, Rosmarinus officinalis. Plantaranse en xardineiras modulares integradas no mobilario con substrato drenante.