A empresa adxudicataria dos traballos comezou fai días a pavimentación do espazo
Sanxenxo, 6 de abril de 2026.- Sanxenxo sumará próximamente un novo equipamento deportivo municipal. As obras do pump track en Baltar avanzan a bo ritmo e toman forma con cinco rectas de diferentes perfiles e cinco curvas con peraltes. A empresa adxudicataria comezou fai días a pavimentación da superficie. Trátase dunha pista onde se poderán practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado cun percorrido de 84,80 metros. O trazado poderá recorrerse completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear e só a través de impulsos. Dentro deste espazo inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quentamento conectada por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesa zona ubícase a área de descanso con aparcabicis.
A empresa Narom é a encargada de realizar os traballos por 240.648 euros, co obxectivo de potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar, así como a integración de todas as zonas verdes baixo unha mesma estética. A actuación inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Con este fin, proxéctase a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, onde se están creando zonas de estancia sensiblemente planas na base do talude e no encontro entre os dous espazos coa solera do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.
Na parte exterior traseira do pavillón estáse a realizar unha senda feita en zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se fará unha nova sementa de céspede natural, respectando o arborado existente.
A iluminación de todas as zonas verdes realizarase co mesmo tipo de báculo led, de maneira que se unifique a imaxe final das intervencións.