Concello de Sanxenxo - A XUNTA CONCEDE AO CONCELLO UN PRÉSTAMO DE 3,5 M€ PARA A ADQUISICIÓN DUN TERREO EN VILALONGA PARA VIVENDA PÚBLICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A conselleira de Vivenda, María Martínez, e o alcalde, Telmo Martín, asinaron esta mañá un convenio para acceder ao Fondo de Cooperación

Sanxenxo, 29 de abril de 2026.

  • O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, asinaron esta mañá un convenio que dá acceso ao fondo de cooperación autonómico dotado con 3,5 millóns de euros. O Concello de Sanxenxo adquirirá o SU27, un terreo urbanizable situado en Xuncablanca (Vilalonga) cunha superficie de 80.000 m2 para a construción de 350 vivendas públicas. A financiación devolverase en 8 anualidades cun importe fixo de 437.500 euros.

O alcalde explicou que é un “día de satisfacción, pero seguimos traballando para dar resposta á demanda dos nosos veciños en materia de vivenda”. Nesa liña, Martín lembrou que hai algo máis dun ano se realizou un rexistro municipal no que se anotaron 522 persoas. Agora mesmo está en marcha a licitación para construír 25 vivendas públicas en Noalla, estase tramitando a cesión do solar de As Cunchas que acollerán 40 vivendas públicas en réxime de alugueiro. “Dende un primeiro momento contamos coa colaboración da Xunta de Galicia e desta conselleira que está a facer unha gran labor en materia de vivenda pública en toda a comunidade, non só en Sanxenxo”, dixo.

Pola súa banda, María Martínez sinalou que o solo de Vilalonga, unha vez cedido á Xunta, tramitarase como un PÍA (Proxecto de Interese Autonómico) para dar “resposta non só aos veciños de Sanxenxo, senón tamén ás persoas que traballen no municipio. Un paso adiante para seguir construíndo vivenda protexida”. En canto ao solo de Noalla, Martínez asegurou que “mañá remata o prazo para presentar as ofertas de construción na que se aplicarán técnicas industrializadas que permitirán axilizar os tempos”.

A previsión, segundo Martínez Allegue, respecto ao solo de Vilalonga, é aprobar definitivamente o PÍA en 2026 para licitar o remate da urbanización en 2027 e simultanear a urbanización e edificación do ámbito en 2028.

 

0
0
0
s2sdefault