Concello de Sanxenxo - PORTONOVO VÓLCASE CON ‘PECHE’ NUN EMOTIVO ACTO DE ENTREGA DA RAIA DE OURO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Numerosos veciños acompañaron a Juan Luis García Carballa na Casa Mariñeira de Don Fernando

Sanxenxo, 3 de maio de 2026.- Juan Luis García Carballa, coñecido como Peche, recibiu esta mañá a máxima distinción da vila mariñeira, a Raia de Ouro, nun emotivo acto co que Portonovo se volcou e a choiva respectou. O homenaxeado chegou camiñando e coas gaitas e pandeiretas dos Gatiños de Portonovo abríndolle camiño á Casa Mariñeira de Don Fernando. Na entrada agardábano o alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Manuel Pérez Chaves, que xunto á súa familia o acompañaron no corredor que veciños e amigos lle fixeron ata o escenario.

O grupo O Cariño dos Ameneiros puxo a banda sonora do acto e o presentador portonovés, Hugo Andrade, realizou unha reseña vital do homenaxeado desvelando algunhas das súas peripecias no Portonovo SD ou da orixe do seu alcume. “Todo o mundo o coñece como Peche porque aquí en Portonovo son máis importantes os alcumes que os apelidos”, dixo.

Unha vez no escenario, Peche recibiu outra sorpresa. O seu querido Portonovo SD fíxolle entrega dunha camiseta co seu nome e agradeceulle o labor no club ao longo de todos estes anos como delegado. “Grazas polo teu compromiso, o teu apoio e por estar sempre aí”.

Tras recibir a Raia de Ouro, Peche tomou a palabra para dicir: “Grazas Portonovo por esta medalla de ouro. Ata logo”. Unhas palabras que arrincaron o aplauso do público e que deron paso á intervención do seu neto Miguel, que actuou como representante da familia: “Hoxe recibes o cariño e o respecto da xente que compartiu a vida contigo. Falar do meu avó é falar de compromiso, de humildade e de paixón”, asegurou. “Para nós é un orgullo inmenso velo recibir esta homenaxe porque detrás de cada acto hai unha persoa boa de verdade. Avó, grazas por ensinarnos o valor do traballo, do compañeirismo e de querer sempre á túa xente”, dixo.

O alcalde, Telmo Martín, foi o encargado de pechar o acto recoñecendo en Peche o espírito “da xente de Portonovo” e lembrando “que falar de Peche é falar da esencia desta vila”. Na mesma liña, incidiu en que “este espírito colaborador e sempre disposto a mellorar Portonovo debe ser o que nos debe unir a todos”. Finalmente, agradeceu aos locais de hostalaría a súa aposta pola cuarta edición de Portonovo Gastronómico. Festa da Raia e incidiu en que “a entrega da Raia de Ouro sempre será o mellor broche de ouro da cita”.

0
0
0
s2sdefault