A actuación, valorada en 1.799.995 euros, será financiada ao 50 % pola Deputación e o Concello.
Sanxenxo, 19 de xuño de 2026.- O Concello acaba de licitar unha importante mellora do litoral das vilas de Sanxenxo e Portonovo. Trátase dunha actuación valorada en 1.799.995 euros, financiada ao 50 % pola Deputación de Pontevedra e o Concello.
A actuación é dobre. Por unha banda, crearase unha senda polas rochas desde o Paseo de Silgar ata o miradoiro do parque de Punta Vicaño. En segundo lugar, o proxecto inclúe a substitución completa da pasarela da praia de Baltar e a mellora do seu sistema dunar.
Silgar e Baltar son praias únicas por razóns diferentes. Silgar é unha praia urbana, moi recollida e agradable para pasear durante todo o ano. A súa importancia na orixe e no crecemento turístico de Sanxenxo está fóra de toda dúbida. A praia de Baltar é unha xoia natural, xa que se trata do único areal urbano da Ría de Pontevedra que conserva un sistema dunar. Dúas praias urbanas moi distintas pero complementarias que, a partir desta actuación, gañarán atractivo e estarán comunicadas, especialmente para os milleiros de veciños e visitantes que pasean entre o Paseo de Silgar e Rafael Picó.
O proxecto actúa ao longo de 1.622 metros divididos en tres zonas:
Zona 1 (cor vermella na imaxe adxunta)
-
Treito de 374 metros de lonxitude e 3 metros de ancho que, por primeira vez, discorrerá á beira do mar entre o Paseo de Silgar e o miradoiro de Punta Vicaño.
-
Ao tratarse da zona de maior dificultade, debido á presenza de rochas, instalarase unha plataforma de composite sobre micropilotes e incluiranse varandas de aceiro, balizas e proxectores de luz.
Zona 2 (cor azul)
-
Treito de 614 metros entre o miradoiro de Punta Vicaño e o acceso á praia de Baltar.
-
Nesta zona a intervención será menor e consistirá na reparación dos puntos deteriorados da senda que atravesa o parque de Punta Vicaño e na creación dalgún novo treito do vial e do acceso á praia de Baltar.
Zona 3 (cor verde)
-
Substitución completa da pasarela de 634 metros, incorporando balizas e proxectores de luz.
-
Tamén están previstas actuacións para conservar e favorecer o crecemento da duna, como a elevación da nova pasarela de madeira para evitar que esta impida o seu desenvolvemento, tal e como acontece na actualidade.
En definitiva, trátase dun proxecto moi respectuoso co medio ambiente que, ao mesmo tempo, humaniza, embelece e mellora a accesibilidade do treito máis transitado do Sendeiro Azul que une a punta do espigón do porto deportivo de Sanxenxo coa praia de Caneliñas, en Portonovo, ao longo de 8 quilómetros.