Concello de Sanxenxo - O SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO DE SANXENXO PECHA SETEMBRO CON 758 INTERVENCIÓNS EN OITO PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O areal de Silgar concentrou máis do 58% da actividade total do mes, nun período marcado pola elevada presenza de picaduras de faneca

Sanxenxo, 5 de outubro de 2026.- O servizo de Salvamento e Socorrismo pechou setembro cun total de 758 intervencións en oito praias, divididas entre as asistencias a pé de praia (616) e as operacións marítimas realizadas polas embarcacións de salvamento (142). O Concello de Sanxenxo ampliou este ano, por primeira vez, a vixilancia a todo o mes de setembro nas praias con maior actividade como Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Foxos, Espiñeiro e A Lanzada.

A praia de Silgar volveu situarse como o epicentro da actividade dos socorristas, aglutinando 443 intervencións, o que representa máis do 58% da carga de traballo de todo o termo municipal. A gran distancia seguíronlle os areais de Areas (98 actuacións), Canelas (87) e Montalvo (83).

Dentro das 616 asistencias terrestres, os avisos por ordenanza municipal (141 casos) e as advertencias preventivas aos bañistas (116 casos) constituíron as principais tarefas do persoal.

No ámbito estritamente sanitario, a picadura de faneca foi a incidencia máis repetida, cun total de 129 persoas atendidas nos diferentes postos de socorro, destacando especialmente as praias de Canelas (29), Areas (25) e Montalvo (25). As curas por feridas comúns ocuparon o segundo lugar, con 45 asistencias. Cómpre destacar positivamente a ausencia de incidentes graves.

Así mesmo, o servizo mantivo un firme compromiso coa sostibilidade ambiental e a accesibilidade, materializado en 101 intervencións de recollida de residuos e 23 asistencias para o uso de cadeiras anfibias ou muletas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Intensa actividade de control no mar

Pola súa banda, as embarcacións de rescate sumaron 142 operacións, centradas case na súa totalidade na costa de Silgar (127 actuacións). Os recursos marítimos centraron os seus esforzos en garantir a seguridade na lámina de auga, realizando 57 avisos a artefactos flotantes (como táboas de paddle surf, kaiaks ou pedaletas) e 49 apercibimentos a embarcacións a motor por cometer infraccións dentro das zonas delimitadas para o baño.

O servizo marítimo tamén interveu na retirada de 15 elementos perigosos flotantes que comprometían a libre navegación e completou con éxito un rescate acuático directo na auga.

Con estas cifras, Sanxenxo consolida a eficacia do seu despregamento de seguridade estival, no que a rápida intervención e os labores de prevención permitiron evitar situacións de maior risco no litoral de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault