O vindeiro xoves 11 de Abril, a partir das 11:00h no Auditorio Emilia Pardo Bazán (Sanxenxo), terá lugar o I Certame de Regueifas Concello de Sanxenxo, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Sanxenxo en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES Vilalonga e Colexio Abrente.
A idea é achegar a poesía, a regueifa e a improvisación dun xeito lúdico ao alumnado dos centros de secundaria do municipio coa finalidade de fomentar a oralidade, a creación artística, eliminar prexuízos lingüísticos e recuperar a regueifa como unha tradición propia e un medio de achegamento de aprendizaxe da poesía.
Previamente desenvolvéronse nos diferentes centros dúas xornadas de obradoiros para ensinar ao alumnado a técnica necesaria para a composición das regueifas e o uso da improvisación.
O encontro do xoves serve para, dentro dunha xornada de intercambio, por en práctica todo o aprendido e poñer en valor a nosa cultura popular.
Este proxecto conta co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.