Concello de Sanxenxo - I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

Onte pola mañá realizouse no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, o I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Sanxenxo en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES Vilalonga e do Colexio Abrente.

Cento oitenta estudantes de primeiro e segundo ano de ESO de 3 escolas secundarias do municipio reuníronse para apoiar aos compañeiros que representaban e subiron ao escenario para amosar o que aprenderon na formación previa de dúas sesións desenvolvida polos reguefeiros Lupe Gómez e Josinho de Tareixa. O encontro serviu para dentro dunha xornada de intercambio, aplicar todo o aprendido e por en valor a nosa cultura popular.

O obxectivo cando desenvolveron este concurso era que os mozos e mozas usaran a súa propia lingua de forma natural e o vinculasen a actividades lúdicas para mellorar a súa expresión oral e, por suposto, dinamizar o uso da lingua galega.

A idea é achegar a poesía, a regueifa e a improvisación dunha forma lúdica aos alumnos de educación secundaria do concello co obxectivo de promover a oralidade, a creación artística, eliminar prexuízos lingüísticos e recuperar a regueifa como unha tradición propia e achegamento á aprendizaxe a través da poesía.

Este proxecto conta co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os organizadores queren felicitar aos alumnos pola súa participación e enxeño, e agradecer a colaboración do Concello de Sanxenxo, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, das ANPAS e dos responsables dos centros educativos.

0
0
0
s2sdefault