Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE TRES OFERTAS PARA REHABILITAR O EDIFICIO DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE A TELLEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 11 de xullo de 2025.- O Concello de Sanxenxo recibiu tres ofertas para rehabilitar o edificio do Centro de Interpretación de A Telleira en Vilalonga. Trátase da UTE Abal-Revivis, Castro Figueiro e Prace, Servizos e Obras. A actuación está valorada en 832.902 euros e será sufragada a través do Plan de Sostibilidade Turística dos fondos Next Generation.

A edificación foi executada no ano 2003 e conta cunha superficie de 2.504 m². O obxectivo da rehabilitación é dotar ao edificio dunha compartimentación espacial interior efectiva, que posibilite xestionar a súa climatización de forma independente no tempo, acoutando o seu funcionamento aos espazos e usos que se desenvolvan (sen alterar os previstos orixinariamente) para acadar unha mellora da eficiencia enerxética.

No proxecto contémplase a instalación de ventilación e climatización das que actualmente carece e que estarán adaptadas aos criterios de máxima eficiencia. Do mesmo xeito, melloraranse os sistemas de illamento e drenaxe do edificio, para permitir un normal desenvolvemento das actividades para as que foi creado, mellorando notablemente os estándares ambientais interiores. Tamén se mellorará a iluminación, potenciando a implementación de novas tecnoloxías que redunden nun menor consumo e máxima eficiencia. Finalmente, ordenarase a parcela circundante para a dotación dun pequeno aparcadoiro acoutado que evite a dispersión actual de vehículos, que non presentan ningún tipo de orde e deterioran o terreo.

A redistribución do espazo interior deixará, ademais das entradas accesibles, aseos e centralita, unha sala de exposición permanente (843 m²), unha sala multiusos (53,56 m²), espazo para obradoiros de interpretación (132 m²), almacén (116 m²), aseos (45,36 m²), centro de documentación (76 m²), oficinas (41 m²), sala audiovisual (85 m²), sala de exposición itinerante (196 m²), tenda temática (25 m²) e un porche (16 m²).

0
0
0
s2sdefault