Concello de Sanxenxo - SANXENXO PROMOCIÓNASE COMO DESTINO CON OITO SENDEIROS AZUIS NA WORLD TRAVEL MARKET DE LONDRES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acode á cita cunha ampla representación do sector turístico do municipio

 

Sanxenxo, 4 de novembro de 2025.- Sanxenxo volve apostar, un ano máis, polo mercado británico coa súa participación na World Travel Market de Londres. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, asiste á cita cunha ampla representación do sector turístico local a través do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), encabezada polo seu presidente, Alfonso Martínez, no marco da misión comercial que organiza o Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia.

 

O municipio está presente no stand de Galicia, dentro do espazo de Turismo Rías Baixas, que por primeira vez conta cun mostrador propio. Todo isto enmárcase na marca Turespaña. Sanxenxo acode con material promocional do destino: merchandising, folleto xenérico e a Guía de Sendeiros Azuis en formato papel e en inglés. Ademais, esta guía tamén pode descargarse mediante un código QR. A publicación recolle os principais recursos naturais do municipio, xeolocalizados e con tracking das rutas. Dentro dos oito Sendeiros Azuis, inclúense tamén os puntos de interese máis destacados vinculados a cada itinerario.

 

A World Travel Market de Londres é unha das feiras turísticas máis importantes do mundo, coa presenza de máis de 5.000 destinos representados. Este evento ofrece valiosas oportunidades de networking e de xeración de contactos profesionais. De feito, Deza xa ten pechados varios encontros con operadores interesados en Sanxenxo como destino.

 

Na xornada de hoxe, tamén estivo na cita o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; o director xeral do Instituto de Turismo de España (Turespaña), Miguel Sanz Castedo; e a secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau. Pola tarde, o concelleiro de Turismo asistirá á recepción ofrecida por Turespaña na Embaixada de España en Londres, con motivo da WTM, xunto a membros do Clúster de Turismo de Galicia.

0
0
0
s2sdefault