Concello de Sanxenxo - SANXENXO DESPEDIRÁ O ANO CUN ESPECTÁCULO DE FOGOS ARTIFICIAIS DENDE MAR E TERRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Pola mañá, ás 12 horas, celebrarase a Queima de Calendarios e, ás 17 horas, terá lugar o Chapuzón Solidario na praia de Silgar.

Sanxenxo, 29 de decembro de 2025.– Sanxenxo despedirá o ano cun espectáculo de fogos artificiais, dende mar e terra, este mércores, 31 de decembro, ás 20 horas. Será o colofón a unha xornada chea de actividade que dará comezo ás 12 horas coa tradicional Queima de Calendarios organizada pola Asociación Cultural O Cubreiro. Dende as 11 haberá animación musical na Praza Pascual Veiga, onde se concentra desde hai 10 anos a cita. Non faltará o cotillón nin tampouco os lacasitos ou as uvas que se tomarán por cada badalada.

A praia de Silgar será o escenario, a partir das 17 horas, do Chapuzón Solidario, do que xa se celebra a súa quinta edición. O obxectivo é recadar fondos a prol da investigación do cancro infantil a través da Fundación Aladina. Unha proposta solidaria e ao tempo lúdica que concentra cada ano a centos de persoas no areal para darse o último chapuzón do ano. A organización premiará a orixinalidade dos disfraces, en categoría infantil e adulta, que outorgan maior vistosidade á cita. Tras o chapuzón repartirase rosca e chocolate quente entre as persoas participantes. As persoas que non poidan estar poderán realizar o donativo a través da páxina web de Aladina.

A última hora da tarde, ás 20 horas, está prevista a tirada de lumes artificiais que nesta edición tamén serán dende o mar. As persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de algo máis de 10 minutos de luces de cores que fan que a despedida do ano sexa única e diferente en Sanxenxo. Os mellores lugares dende os que poder velos serán a Praza dos Barcos e o Paseo de Silgar. A carpa do Pazo de Nadal pecharase ás 19:30 horas.

0
0
0
s2sdefault