Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HUMANIZARÁ CON PLATAFORMA ÚNICA O ENTORNO DAS RÚAS APARICIO VILAR E GRUPOS ESCOLARES EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación terá un custo de 225.149,55 euros e será financiada co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra

Sanxenxo, 7 de abril de 2026.- O Concello de Sanxenxo humanizará o entorno da Rúa Aparicio Vilar e da Rúa dos Grupos Escolares, incluíndo a instalación de nova infraestrutura subterránea para as redes de electricidade, telecomunicacións, alumeado público e saneamento de pluviais. Ademais, executarase unha nova pavimentación en plataforma única, diferenciando as superficies mediante materiais distintos segundo o seu uso, xa sexa para tránsito peonil ou tráfico rodado. Esta diferenciación reforzarase coa colocación de elementos urbanos, como bolardos, que permitirán delimitar e organizar os distintos usos do espazo, mellorando a seguridade viaria.

As redes de abastecemento e saneamento existentes foron renovadas recentemente, polo que únicamente se realizarán sobre elas as acometidas a cada vivenda e algunhas intervencións puntuais necesarias para a súa adaptación ás novas instalacións. En canto á rede eléctrica de baixa tensión, proxéctase a instalación de canalizacións e arquetas de enlace ao longo de todo o ámbito de actuación, permitindo á compañía subministradora eliminar as liñas aéreas ou ancladas ás fachadas das vivendas.

A rede de telecomunicacións reubicaráse mediante canalizacións subterráneas, deixando á disposición das operadoras os tendidos necesarios para suprimir as instalacións aéreas e en fachada. Por último, renovarase e instalarase o alumeado público.

A actuación, que consolida a mellora do espazo urbano neste ámbito xunto á renovada Praza Pública e ao novo Centro Socioeducativo As Lagoas, terá un custo de 225.149,55 euros, un prazo de execución de seis meses e será financiada co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

0
0
0
s2sdefault