Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL INVESTIGA O ABANDONO DUN GATO NA SEDE DE MEDIO AMBIENTE EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Dúas mulleres e un home, que non se identificaron, depositaron o animal cun transportín no interior da oficina e marcharon

Sanxenxo, 22 de abril de 2026.- A Policía Local investiga o abandono dun gato no interior da sede de Medio Ambiente en Vilalonga como unha presunta infracción contra a Lei de Benestar Animal. O suceso ocorreu onte pola mañá cando dúas mulleres e un mozo entraron na oficina deixando o animal nun transportín. “Viñemos deixarvos este gato que é voso”, dixeron.

Unha traballadora da oficina de Medio Ambiente aclaroulles que alí non se recollían animais, pero insistiron ata que se lles advertiu de que se chamaría á Policía para levantar acta do abandono. Foi entón cando fuxiron rapidamente no seu vehículo, sen deixar rastro da súa identidade nin información ningunha que axudase á atención do gato.

En Medio Ambiente non consta que o minino forme parte de ningunha colonia do municipio, ao carecer de marca identificativa na orella nin microchip, nin que as persoas estivesen rexistradas como coidadores autorizados. Finalmente, trasladouse o gato á CAAN de Meis onde se analiza o seu estado de saúde.

A Policía Local lembra que o abandono dun gato está considerado unha infracción, castigada con multas que poden superar os 10.000 euros, segundo a nova Lei de Benestar Animal (Lei 7/2023, do 28 de marzo).

0
0
0
s2sdefault