As citas festivas serán mañá e os días 30 de abril e 1 de maio
Sanxenxo, 23 de abril de 2026.- Gondar acolle a celebración da XVII Festa da Xuventude. A partir das 22 horas dará comezo unha gran festa que contará coas actuacións de Michenlo, Dumore, Groove Amigos, Borja Solla, Jacobo Mínimo. Membros da Comisión de Festas de Santo Tomé de Gondar, acompañados do concelleiro Marcos Guisasola, presentaron a cita, así como a programación de Santo Tomé que será os días 24 e 30 de abril e 1 de maio.
Para mañá, o recinto da festa estará cuberto cunha carpa e valado. O acceso será libre por unha única entrada controlada e non estará permitida a entrada con bebida do exterior. Durante a velada realizaranse distintos sorteos, entre eles un porco. A comisión de festas repite a proposta para reducir os residuos na festa coa venda dun vaso conmemorativo reutilizable que os asistentes poderán adquirir por 1 euro; camisetas a 10 euros e pulseiras.
O xoves 30, na véspera de Santo Tomé, os veciños poderán gozar desde as 22:30 horas cunha gran verbena amenizada pola orquestra Charleston Big Band, o grupo Unión y Fuerza e DJ Matrek.
O venres, 1 de maio, comezan os actos ás 9 horas coa salva de bombas. A continuación, o grupo de gaitas Os Cruceiros de Vilalonga e a formación Superfurruxa animarán o pasarrúas. Ás 12 horas oficiarase a misa solemne cantada polo coro parroquial en honra ao santo, que precederá á tradicional procesión acompañada polo grupo de gaitas Os Cruceiros. Finalizados os actos litúrxicos, dará comezo a sesión vermú a cargo da formación @Deviño.
Pola tarde, ás 19 horas, disputarase o XV Trofeo Santo Tomé de Gondar cun partido entre solteiros contra casados. Nesta xornada haberá pintacaras para os máis pequenos.