O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, visitou esta mañá con responsables de Costas as praias de Maior e A Lapa
Sanxenxo, 14 de maio de 2026.- As praias de Sanxenxo comezan a súa posta a punto para a tempada estival tras os efectos dos temporais. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acompañado de técnicos de Costas, visitou esta mañá a praia de Maior onde está previsto actuar nos próximos días para mover a area que, tras os temporais de inverno, invadiu o acceso á praia e a zona de estacionamento, chegando incluso á calzada.
A actuación realizada por Civis Global contará coa maquinaria precisa para executar os traballos, un dumper articulado e un bulldozer. A Lapa é outra das praias que se visitou esta mañá e onde está previsto mover o árido acumulado tras os temporais no muro de contención ao final do areal.
Por outra banda, o Concello iniciou os traballos de reparación da pasarela danada na praia de Foxos e comezou o desbroce dos accesos. Nos próximos días, iniciarase a colocación de corcheras e o canal de nado na praia de Silgar, e completarase o balizamento no resto dos areais coha bandeira azul do municipio.
Cómpre lembrar que anualmente, o Concello contrata un servizo de acondicionamento de 23 praias do municipio cun orzamento de 71.980 euros que teñen como fin preparar as instalacións para o uso público durante o verán.
As tarefas realízanse nos areais de Santa Mariña, Pampaído, Area de Agra, Areas, Palacios-Barreiros, Grileira, Carabuxeira, Lavapanos, A Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Maior, Foxos, Santa María da Lanzada, Areas Gordas e O Espiñeiro-A Lanzada. O proxecto céntrase no mantemento técnico de valos e estruturas de madeira; torretas de socorrismo; e aseos públicos.
Os traballos inclúen a aplicación de tratamentos para a conservación da madeira e, en puntos específicos, labores de pintura.