Concello de Sanxenxo - SANXENXO DE CINE REGRESA CON ‘ASÍ CHEGOU A NOITE’, ‘TRES ADIOSES’, ‘VALOR SENTIMENTAL’ E ‘AS LÍNEAS DISCONTINUAS’
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O prezo da entrada é de 3,75 euros e pódese adquirir en liña en Ataquilla ou o propio día no Auditorio.

Sanxenxo, 3 de marzo de 2026.- Sanxenxo de Cine regresa este mes ao Auditorio Emilia Pardo Bazán con catro novas propostas: Así chegou a noite, Tres Adioses, Valor Sentimental e As líneas discontinuas. É unha iniciativa impulsada desde a Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Xoán Pérez. “É unha oportunidade de desfrutar de grandes propostas da sétima arte e ademais poder compartir cunha charla con actores e directores tras a proxección”, asegura.

Esta mostra internacional de cine combina filmes premiados en festivais con coloquios pensados para fomentar o diálogo directo entre o público e os actores e directores das películas proxectadas. O prezo da entrada por filme será de 3,75 euros e pódense adquirir en liña en Ataquilla ou o propio día no Auditorio.

O primeiro filme, rodado e ambientado en Sanxenxo, Así chegou a noite, dirixido por Ángel Santos, proxectarase o xoves 28 de maio, ás 21:00 horas. Na película abórdase a historia dun escultor que establece o seu taller nunha zona rural afastada da costa galega. Pouco a pouco irá illándose do seu entorno, cortando todo contacto con amigos e familiares. Cando unha antiga amante acuda ao seu encontro, provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.

Tres adioses, de Isabel Coixet, proxectarase o venres 29 de maio, ás 21:00 horas. A película trata da separación de Marta (Alba Rohrwacher) e Antonio (Elio Germano). El, un chef prometedor, refúxiase nos seus fogóns; ela, no seu silencio, comeza a notar algo máis que tristeza: perdeu o apetito… e non só por desamor. Cando descobre que detrás hai un problema de saúde, todo dá un xiro inesperado: a comida sabe mellor, a música chega como nunca e o desexo reaviva as súas ganas de vivir sen medo.

Valor sentimental, de Joaquim Trier, emitirase o sábado 30 de maio, ás 21:00 horas. Nela, Nora, unha actriz de teatro consolidada, reencontrase co seu pai, un director de cine que intenta regresar cun filme inspirado na historia da súa propia familia. O proxecto reabre vellas feridas e obriga a pai e filla a enfrontarse aos recordos, aos silencios e aos afectos que nunca souberon como expresar.

A película As líneas discontinuas, de Anxo Fazáns, proxectarase o domingo 31 de maio, ás 21:00 horas. Nela conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está separando do seu marido. No día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atópao todo patas arriba, e a un dos ladróns durmindo na súa cama. Denís é un mozo trans de 28 anos que, a pesar de ter estudado unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Tras pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

0
0
0
s2sdefault