Concello de Sanxenxo - SANXENXO CELEBRA A XLIV FEIRA DA CEBOLA PARA REIVINDICAR O VALOR DO SEU PRODUTO ESTRELA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 36 postos de ceboleiras tomarán mañá, Día de Santa Rosalía, o recinto portuario

Sanxenxo, 3 de setembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo reafirma o seu compromiso co sector agrícola local nunha nova edición da XLIV Feira da Cebola, que volve reunir os mellores produtores da comarca no recinto portuario. A xornada dará comezo con pasarrúas e alboradas a cargo da Asociación Cultural Abiñadoira e da Banda de Música. Ás 10 horas procederase á apertura dos postos e á venda de hortalizas.

No mesmo recinto, ás 12:30 horas, dará comezo a cerimonia de entrega das Cebolas de Ouro 2026, galardón co que nesta edición serán distinguidas María Jesús Bermúdez e Sandra Patiño. Durante a cerimonia tamén se repartirán 1.780 euros en premios para as cebolas máis grandes, as composicións artísticas máis orixinais, as restras máis longas e o posto mellor presentado.

Na vertente relixiosa do programa, ás 19:00 horas, celebrarase misa cantada polo coro parroquial San Xinés de Padriñán no templo novo e unha ofrenda da Danza de Río Frío a cargo de Abiñadoira. A partir das doce da noite realizarase a gran tirada de fogos de artificio desde a praia de Silgar.

Durante esta mañá, a Praza de Pascual Veiga acolleu o concerto de Cantos da Terra. A partir das 22:00 horas terá lugar a procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía, co acompañamento da Banda de Música de Sanxenxo e Abiñadoira. A partir das 22:30 horas terán lugar os Concertos da Cebola, con Germán Prieto, na Rosa dos Ventos, e o Grupo La Movida, ás 23:30 horas, no Paseo dos Barcos.

A tortilla máis grande do mundo

A programación festiva continuará o sábado co reto de cociñar a tortilla máis grande do mundo no recinto portuario, elaborada por El Huevo de la Abuela. A metade será con cebola de Sanxenxo e a outra metade, sen cebola. A preparación dará comezo ás 10:30 horas. Está previsto que a partir das 14:30 horas comece o reparto de racións. O prezo será de 3 euros. A recadación estará destinada a entidades benéficas.

0
0
0
s2sdefault