Concello de Sanxenxo - SANXENXO ADXUDICA A CLECE MAYORES POR CASE 3 MILLÓNS DE EUROS A XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA DURANTE CATRO ANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proposta da empresa, que actualmente xa xestiona o servizo, inclúe o reforzo dun equipo de apoio sociosanitario e investimentos no equipamento do centro

Sanxenxo, 24 de setembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo, a través do seu Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, acaba de adxudicar a xestión do Centro de Día Virxe do Carme a Clece Mayores por case 3 millóns de euros e un período de catro anos.

A proposta gañadora da empresa, que actualmente xa xestiona o servizo, inclúe o reforzo dun equipo de apoio sociosanitario e investimentos no equipamento do centro e en elementos biosaludables para a zona do patio exterior, así como programas específicos de actividades que promovan unha vida activa e participativa e o coidado emocional. O contrato formalizarase nun prazo de quince días.

Actualmente, o centro funciona ao máximo da súa capacidade, atendendo a 80 persoas usuarias, e desempeña un papel fundamental na conciliación familiar doutras tantas familias. O servizo ofrece unha atención integral e polivalente, centrada na estimulación da comunicación, no fortalecemento da autoestima, na mellora da calidade de vida das persoas usuarias e na programación de actividades interxeracionais.

O centro dispón de transporte adaptado, con condutor e auxiliar, para recoller e levar de volta as persoas usuarias aos seus domicilios, seguindo as rutas organizadas polo persoal do centro.

Entre as prestacións básicas, Clece inclúe, como ata o de agora, un nutricionista no servizo de restauración, e a comida elaborarase no propio centro; servizo de hixiene; servizo de supervisión e promoción da saúde; servizo de información e administración, e actividades lúdicas. En canto ás prestacións especializadas, o servizo inclúe fisioterapia, enfermaría, rehabilitación e terapia ocupacional.

As instalacións municipais contan cunha planta baixa dividida en catro áreas claramente diferenciadas: Dirección e Administración, estancia, actividades e servizos xerais. Ademais, o recinto inclúe unha parcela axardinada accesible para as persoas usuarias.

0
0
0
s2sdefault