Sanxenxo, 25 de setembro de 2026.- A Concellaría de Educación, dirixida por Nati Parada, ten programada unha ampla axenda de actividades nas bibliotecas municipais. Os centros de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga acollerán durante as próximas semanas unha serie de propostas gratuítas que combinan teatro, ilusionismo, ciencia e educación en valores.
A programación comezará o mércores 30 de setembro na Biblioteca de Sanxenxo coa proposta Juste Kamishibai. Papel e teatro. Baixo o lema «Non hai cousas de neno e cousas de nena. Só de persoas», este espectáculo ofrecerá unha selección de contos centrados na educación en igualdade e diversidade.
O mes de outubro concentrará o resto das actividades programadas nas distintas sedes do municipio:
- Biblioteca de Portonovo: O venres 2 de outubro, o Mago Teto presentará A maxia dos contos, un espectáculo que fusiona a narración de historias tradicionais co ilusionismo. Uns días máis tarde, o martes 6 de outubro, a compañía Teatro Ghazafelhos porá en escena A máquina do tempo, unha viaxe teatralizada que percorrerá de forma lúdica a historia das civilizacións.
- Biblioteca de Sanxenxo: O mércores 14 de outubro será a quenda de Diversa Teatro con Os experimentos de Frankie Stein, unha función interactiva que mestura teatro, humor e divulgación científica para captar a atención do público infantil.
- Biblioteca de Vilalonga: O mércores 21 de outubro, a programación completarase cunha actividade especialmente dirixida a bebés, cuxos detalles sobre o horario e a inscrición se confirmarán nos próximos días.
Con esta iniciativa, a rede de bibliotecas municipais reafirma o seu compromiso como espazo de encontro cultural, lecer educativo e fomento da lectura entre os veciños e veciñas máis novos do municipio.