Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REFORZA O SEU ATRACTIVO HISTÓRICO E PATRIMONIAL COA HUMANIZACIÓN DO NÚCLEO DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As cesións de terreo de tres veciños permitiron ampliar a anchura da plataforma única e mellorar a seguridade viaria

Sanxenxo, 2 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo acaba de culminar a humanización da contorna da capela de Arra. Cunha actuación financiada integramente a través do Plan +Provincia, logrouse potenciar un núcleo de alto valor patrimonial do municipio.

O proxecto incluíu a mellora integral do pavimento, o soterramento do cableado aéreo e a renovación do sistema de iluminación nocturna, tanto na contorna inmediata da capela como nos viarios de acceso. As cesións de terreo de tres veciños permitiron ampliar a anchura da plataforma única e mellorar a seguridade viaria na zona.

Para executar as obras conserváronse os niveis orixinais das rúas, o que implicou levantar o pavimento existente, realizar traballos de escavación e compactación, abrir gabias para as novas instalacións e colocar o novo firme adaptado a cada tramo.

A capela de San Amaro, datada na Baixa Idade Media, é o epicentro desta actuación, que busca poñer en valor o carácter antigo e tradicional do núcleo de Arra. A escasos metros da capela atópase o Priorado de Arra, antigo fogar de monxes beneditinos vinculados ao Mosteiro de Armenteira, cuxa rehabilitación xa supuxo un investimento próximo aos 400.000 euros.

Con esta nova actuación, o goberno local reforza a súa aposta pola recuperación do patrimonio histórico e a revitalización das súas contornas, como xa fixo coa humanización da contorna da capela do Santo, en Nantes, e da Rúa Unión e adxacentes, en Sanxenxo, e como está levando a cabo nos núcleos de Aios e Padriñán.

Proximamente executaranse as humanizacións dos núcleos do Outeiro (Dorrón), A Lamela (Bordóns) e da Avenida Aparicio Vilar e Rúa dos Grupos Escolares (Vilalonga).

0
0
0
s2sdefault