Ningunha das 460 medicións microbiolóxicas deu un resultado insuficiente, que obrigaría a prohibir o baño temporalmente
Sanxenxo, 2 de outubro de 2026.- Desde maio ata setembro, a Consellería de Sanidade realizou 460 medicións microbiolóxicas en 22 praias de Sanxenxo, aínda que, para efectos de contabilización, é como se fosen 23 areais porque en Areas se recollen mostras en dous puntos opostos. Polo tanto, 23 praias por 10 controis e por 2 parámetros dá como resultado 460 medicións (adxúntase táboa de analíticas).
No 98% das 460 medicións, é dicir, 450, o resultado da calidade da auga foi excelente, cor verde. No 2% restante (10), a calidade foi boa ou suficiente, cor ámbar. Ningunha medición deu un índice de calidade da auga insuficiente, cor vermella, que obrigaría a prohibir o baño ata que unha contraanálise mellorase os datos. Nos próximos meses, a Consellería de Sanidade publicará a cualificación definitiva de cada praia, que ten en conta os resultados dos últimos catro anos.
A calidade da auga é insuficiente, cor vermella, cando se supera o índice 500 nos Enterococos intestinais e 800 na Escherichia coli. Esta situación produciuse en 2024 en 5 medicións de A Carabuxeira e, en 2025, en 3 medicións de Nanín. Porén, grazas á mellora da rede de saneamento, estas praias melloraron substancialmente, cunha calidade da auga excelente, cor verde, en 37 das 40 medicións realizadas en ambos os areais e 3 medicións cunha calidade boa ou suficiente.
As medicións da praia de Lavapanos, incluída este verán por primeira vez no control sanitario, foron excelentes coa excepción de 3 medicións cun resultado bo ou suficiente.
A calidade da auga das praias de Sanxenxo compleméntase con outras accións destinadas a mellorar os servizos dos areais. Neste sentido, recentemente ADEAC, entidade que concede as bandeiras azuis, felicitou a Sanxenxo polo servizo de salvamento e socorrismo, que se prolonga de xuño a setembro nas praias máis concorridas, e pola hixiene e limpeza dos baños cada 90 minutos.