Concello de Sanxenxo - MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

Noemí Salomón, piano, Anaís Fernández, soprano


PAZO EMILIA PARDO BAZÁN – SANXENXO (PONTEVEDRA)
Xoves, 5 de decembro, 20:30 h

Organiza: Escola de Música Municipal LIED_EM, Goyplasón S.L.

Promeven: Concello de Sanxenxo, Xunta de Galicia dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística


En 2018 co gallo do 125 Aniversario Nacemento do compositor ourensán José Fernández Vide (1893-1981), o músico e investigador pontevedrés Oscar Ibáñez impulsou a gravación da súa obra completa para piano e para canto e piano, moi pouco coñecida ata o momento, na maxistral interpretación da pianista redondelá Noemí Salomón e da soprano compostelá Anaís Fernández, que son dúas das máis novas e brillantes intérpretes da actualidade.


O traballo discográfico titúlase “MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano” e está formado por dous discos coa obra para piano e un terceiro coa obra para canto e piano; o traballo complétase cun libreto de 40 páxinas con textos dos musicólogos Carlos Villanueva e Javier Jurado, así como do fillo do compositor Antonio Fernández García-Vide, sobre a vida, a obra e a personalidade do compositor.


O vindeiro xoves, 5 de decembro, ás 20:30 h, Noemí Salomón e Anaís Fernández levarán a música do Mestre Vide ao PAZO EMILIA PARDO BAZÁN de Sanxenxo para presentar o seu triplo álbum conmemorativo interpretando una selección da súa extensa obra.


Da obra para piano de Vide, complexa tecnicamente, cabe destacar a enxebreza das súas numerosas muiñeiras e das súas dúas suites (alborada, alalá, muiñeira), dentro dunha produción que abrangue tamén a música de salón (pasodobre, valse) e do café-concerto (galop, foxtrot), entre a que atopamos ademais un danzón como chiscadela á súa etapa cubana. Da obra para canto e piano sobresaen as súas fermosas canzóns, na liña das melodías galegas de Montes, Chané ou Baldomir, ás que Vide, dado o seu dominio do piano, aportou un acompañamento enriquecido, conservando a unidade absoluta co canto, sobre poemas de Curros Enríquez, Manuel Murguía, Blanco Amor, Gayoso Frías, José Fariña Jamardo ou Matilde Lloria, ás que se suman cancións en español, algunhas delas propias do espectáculo de variedades, e outras sobre ritmos cubanos, claras testemuñas das influencias da outra beira do Atlántico.


Descargas:
Descarga este archivo (Obra para piano e canto piano Sanxenxo.jpg)Obra para piano e canto piano Sanxenxo.jpg[Obra para piano e canto piano Sanxenxo.jpg]
0
0
0
s2sdefault