Concello de Sanxenxo - MANIFESTO DO CONCELLO DE SANXENXO CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA LOITA CONTRA A VIOLENCIA ÁS MULLERES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

O 25 de novembro é a data elixida polas Nacións Unidas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación das Violencias ás Mulleres, tristemente dende ese día, cada ano, volvémonos concentrar para seguir condenando a violencia machista.

Trátase dunha secuela social de relevancia absoluta, enraizada no máis profundo da nosa sociedade e detrás da que se esconden mulleres vítimas de tódalas idades, etnias, relixións e clases sociais.

No Concello de Sanxenxo contamos cun Centro de Información ás Mulleres dende o que mostramos o compromiso de atención con todas as mulleres que sofren discriminacións polo simple feito de selo así como con todas as que padecen, por desgraza, a violencia de xénero nas súas relacións presentes e/ou pasadas.

É unha triste realidade, que non século XXI siga existindo esta brecha entre sexos, non xustificada e que abrangue tódolos ámbitos sociais.

Dende o Concello de Sanxenxo queremos mostrar o noso compromiso por esta loita e rexeitamos todo tipo de acción que discrimine a unha muller pola súa condición de sexo.

O noso compromiso está tamén presente na aprobación no ano 2018 do IV Plan de Igualdade do Concello de Sanxenxo, vixente ata o ano 2021, onde se recollen todas as medidas que se establecen para o noso Concello en prol da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

A violencia de xénero e as violencias machistas son graves problemas sociais que deben de ser abordados con seriedade e rotundidade. Merecen que loitemos firmemente dunha forma coordinada e unida na súa eliminación e así conseguir rematar con este grave atentado aos dereitos humanos das mulleres e da sociedade en xeral.

Queda moito por facer, a situación actual e o confinamento para evitar a propagación do Covid 19, creou un novo escenario que dificulta aínda máis a situación de moitas mulleres que sofren violencia de xénero, literalmente atrapadas co seu maltratador, limitadas nos seus movementos e socialmente illadas.

Dende Concello de Sanxenxo, como institución, seguiremos traballando día a día na loita contra as violencias machistas, promovendo a igualdade efectiva e real entre homes e mulleres como forma de acadar unha mellor calidade de vida e benestar social de toda a nosa veciñanza.

O alcalde do Concello de Sanxenxo
Telmo Martín González

0
0
0
s2sdefault