Concello de Sanxenxo - PORTOS DE GALICIA ABRE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE IDEAS PARA O CONCURSO DE REORDENACIÓN DE ESPAZOS NO PEIRAO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

- A convocatoria está impulsada conxuntamente co Concello de Sanxenxo e conta coa colaboración do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia

- Os licitadores terán un prazo de 75 días para presentar as súas propostas e optarán a un primeiro premio de 25.000 euros; un segundo de 10.000 euros e un terceiro de 5.000

Portos de Galicia vén de abrir o prazo de presentación de propostas ao concurso de ideas que a entidade pública impulsa conxuntamente co Concello de Sanxenxo para a reordenación de espazos no peirao de Portonovo. Esta convocatoria realízase en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia cos que as administracións públicas teñen en vigor un convenio de colaboración para esta iniciativa.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal e nas webs oficiais dos colexios de enxeñeiros e arquitectos a través do enlace https://formacion75.wixsite.com/concursoportonovo. Os licitadores terán un prazo de 75 días naturais dende a data de publicación, o 26 de xaneiro de 2022, para presentar as súas ofertas.

O prego de condicións que rexe o concurso recolle un orzamento total de 40.000 euros para os premios coa seguinte distribución: 25.000 euros no caso do primeiro, 10.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. Estas cantidades asumiranas Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo ao 50% como principais impulsores da proposta.

Entre as directrices que deberán integrarse nas propostas técnicas que se presenten establécese como básico o mantemento das actividades portuarias: pesca e as súas actividades complementarias –lonxa, fábrica de xeo, departamentos para almacenaxe de pertreitos, nave de redes e superficies de traballo; pasaxe; náutico deportivo e os servizos complementarios: escola náutica, atracada para exhibición de embarcacións tradicionais e instalacións portuarias -foso para travel lift e rampla-, superficie de varada, botadura e reparación de embarcacións e servizos portuarios.  

Ademais procúrase ter en conta unha boa solución, segura e fluída, para o acceso rodado á zona portuaria, sen restricións de gálibos e coa posibilidade de convivencia con outros usos e futuras necesidades provocadas polo incremento da actividade. Tamén, a dotación de prazas de aparcadoiro tendo ademais en conta a contorna marcadamente urbana.

Os parámetros para a puntuación das candidaturas primarán a calidade arquitectónica e enxeñeril, valorándose a calidade da proposta que potencia a dinámica portuaria e incorpore o uso de interacción porto-vila de Portonovo en condicións de convivencia e de seguridade. Ademais valorarase a viabilidade económica e desenvolvemento construtivo da proposta, a sustentabilidade ambiental e eficiencia enerxética así como a menor contaminación lumínica e a minimización dos custes de mantemento do equipamento.

Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar

0
0
0
s2sdefault