Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACA A RÚA O CONCURSO DE PARODIAS “FEITO NA CASA” CON MÁIS DE 2.000 EUROS EN 16 PREMIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

Obradoiros de disfraces, o Enterro da Sardiña e a Festa do Jato completan a programación de Entroido no municipio

 

O Concello de Sanxenxo vivirá este Entroido de transición á normalidade apostando por actividades ao aire libre que manteñan vivo o espírito do Carnaval e fomenten a diversión. O departamento de Cultura, dirixido por Paz Lago, sacará a rúa o vindeiro 6 de marzo o concurso de parodias “Feito na casa”, no que os participantes deberán representar e escenificar situacións, feitos da vida cotiá, de actualidade, etc... con humor e moito inxenio. Un bo momento para amosar o lado máis divertido e desenfadado de cada un de nós. A Praza do Barcos acollerá esta cita que, con respecto ao ano pasado, experimentará un incremento na contía económica dos premios para animar á participación.

Repartíranse 2.350 euros en dúas categorías, infantil e adulto e mixto, e dúas modalidades, individual ou parella e tres ou máis persoas. O periodo de inscrición ábrese o 17 de febreiro ás 9 horas e remata o 4 de marzo ás 12 horas. O concurso comezará ás 17 horas coa modalidade Infantil (participantes nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2010) na que se repartirán 750 euros en 8 premios e as 18:30 horas empezará a de Adultos (participantes de 13 anos en diante) con 1.600 euros en 8 premios. O xurado valorará a orixinalidade do disfrace, a posta en escena e o atrezo.

As actividades do programa de Entroido inclúen animación na rúa dende o 27 de febreiro e tres obradoiros de disfraces para nenos de entre 3 e 12 anos, de 10:30 a 13:30 horas no edificio de usos múltiples de Portonovo, o 28 de febreiro; no Pazo Emilia Pardo Bazán, o 1 de marzo, e no pavillón de Vilalonga, o 2 de marzo. As prazas estarán limitadas polo que é preciso inscrición previa no teléfono 986 727 936.

O mércores 2 de marzo, Portonovo acollerá o Enterro da Sardiña. O velorio e percorrido polas principais rúas da vila mariñeira dará comezo ás 20 horas ata e rematará coa queima no recinto portuario. O 5 de marzo Portonovo celebrará a Festa do Jato que este ano terá como lema “Ven de Ghatiño, pero con sentidiño!”.  Unha celebración que encherá de ambiente e diversión as rúas de Portonovo.

0
0
0
s2sdefault