O certame repartirá un total de 3.500 euros en premios entre os grupos participantes procedentes de distintos puntos do territorio galego
O Concurso de Música Tradicional Soalleira celebrará a súa quinta edición o vindeiro 7 de maio no Auditorio Emilia Pardo Bazán. A cita que ten fixada a súa data no segundo domingo do mes de maio, salvo excepcións, cambia este ano o día para non coincidir co Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina que mudou a súa data por mor das eleccións municipais. A Asociación Cultural Soalleira que se encarga de organizar o certame xunto co Concello de Sanxenxo iniciará nestes días o envío das bases do concurso, vía correo electrónico, ás agrupacións que, para participar, deben enviar a súa inscrición ao mail Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. Nesta edición na que xa non existe restrición sanitaria de ningún tipo, prevese que a participación supere á da edición pasada na que asistiron 38 agrupacións das catro provincias galegas. A cita está plenamente consolidada en Sanxenxo e xa goza dun recoñecemento no panorama musical galego, pese a súa curta traxectoria.
No concurso poderán participar asociacións folclóricas, culturais, xuvenís, colectivos veciñais ou Anpas sen ánimo de lucro. Haberá catro categorías. A categoría A (ata 10 anos) e a categoría B (de 11 a 13 anos) optarán a un primeiro, segundo e terceiro premio valorados en 300, 200 e 100 euros, respectivamente, mentres que a categoría C, agrupacións con idades entre os 14 e os 17 anos, repartirá 400 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, a categoría D (maiores de 18 anos), terá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200 euros. Ademais, haberá dous accésits de vestiario valorados en 100 euros.
A cita poderá seguirse vía streaming e nunha pantalla que se colocará na carpa que se instalará na entrada exterior do Auditorio onde os grupos poderán ensaiar, descansar e prepararse para as actuacións. Como cada edición haberá xornada de mañá para os máis pequenos e xornada de tarde.
A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, sinala que “temos moita sorte de contar e apoiar a agrupacións como Soalleira que defenden a nosa cultura e o noso patrimanio cultural, deixando patente a existencia de canteira con talento folclórico galego no noso municipio”.