Concello de Sanxenxo - VILALONGA RENDE HOMENAXE ÁS 23 VÍTIMAS DO NAUFRAXIO SUCEDIDO NA ENSEADA DA ARNOSA EN 1940
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

O vindeiro 12 de febreiro celebrarase unha misa na Arnosa e estrearase o documental “O barro da vida” como tributo aos falecidos e a historia telleira da parroquia

 

Recuperar a memoria histórica de Vilalonga e reparar o dano ocasionado ás familias das 23 vítimas do naufraxio sucedido na enseada da Arnosa o 25 de febreiro de 1940. Estes son os dous obxectivos que a Asociación de Veciños de Vilalonga e Codesevi en colaboración co Concello de Sanxenxo perseguen cunha homenaxe que terá lugar o vindeiro 12 de febreiro. Unha misa ao exterior baixo unha carpa nas inmediacións do pantalán da Arnosa, ás 12 horas, e a estrea do documental “O barro da vida” dirixido por Xan Leira lembrarán a tradición telleira da parroquia e ás vítimas do afundimento do galeón. A peza, de 47 minutos de duración, está musicalizada polo vilalongués Dani Dopazo xunto con Xoán M. Paradela.

A conmoción e a tristura que provocou o accidente en moitas familias de Vilalonga víronse silenciadas pola época, pero non na memoria de quenes sufriron a perda e que a través do recordo mantiveron vivo e fixeron que non caera no esquecemento. “A miña avoa falábame moito dende pequeno deste fatal accidente e sempre me quedou aí ata que coñecín a Xan Leira e llo comentei e pareceulle moi interesante”, explica Dani Dopazo. Dende hai anos, Codesevi está recopilando información sobre o accidente e a tradición telleira de Vilalonga. “A idea era facer un libro”, explica Carlos García Padín. “A implicación veciñal foi clave neste traballo”, indica Xan Leira, director de “O barro da vida”.

No documental recóllense ata 27 testemuñas que falan do afundimento, entre eles un testigo directo, Maximino González, que iba co seu tío nun bote a poucos metros do lugar do accidente, e da tradición telleira e ceramista de Vilalonga. Unha crónica viva do oficio do barro, na terra e no mar, que transformou o entorno natural e paisaxístico de Vilalonga, promovendo o desenvolvemento económico do municipio e da comarca.

O antigo cine Don Juan, agora Bar O’Spa, acollerá a estrea do documental en dous pases, un ás 18:30 horas e outro ás 20:30 horas. A sala ten capacidade para 250 persoas. Os interesados en acudir á sesión poderán retirar as localidades dende hoxe no bar O Spa. A entrada será de balde ata completar aforo.

0
0
0
s2sdefault