Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DISTINGUIRÁ COA RAIA DE OURO A CARMEN UHÍA MARTÍNEZ, UNHA PEIXEIRA REFERENTE EN PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

Recibirá o premio o vindeiro luns, ás 12:30 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando

 

O Concello de Sanxenxo distinguirá coa Raia de Ouro a Carmen Uhía Martínez por unha longa traxectoria vinculada á venda de peixe tradicional. Unha traballadora incansable que, con apenas 10 anos, percorría descalza o municipio cunha patela sobre a cabeza chea de peixe. “Levabamos do peixe que houbera e chegara á lonxa de Portonovo: Sardiñas, xurelos, fanecas... De luns a domingo ibamos ata Vilalonga andando, facíamos unha parada no Vinquiño e logo seguiamos. Eran outros tempos!”, recorda. E cando chegaba a casa tiña que atender aos fillos e, segundo a tempada, ir ás fincas. O seu marido mariñeiro no mar e ela, en terra. “Se querías ter un peso había que traballar”, asegura.

Unha sobriña abriulle a posibilidade de ir con ela a vender á praza de abastos de Pontevedra e aí xubilouse. “Vendía moito e gustábame o trato educado coa xente. Aínda recordo como as clientas dicían: Cómpralle a Carmen que o peixe dela parece que medra na tixola. Sempre lle botaba algún peixiño de regalo”, lembra.

Aos seus 99 anos conta cunha memoria privilexiada e unha boa forma física. Non perdoa o seu paseo polas mañás ata Montalvo coa súa amiga Lola e reza o rosario “de cabeza”. Quizáis o seu secreto estea na ausencia de lácteos na súa dieta ou no anaquiño de pan despois de cada comida como postre.

Recoñece que o premio colleuna por sorpresa e non cre que mereza “nin unha raia de ouro nin de prata”. Non sabe que representa unha xeración de esforzo e traballo duro e que despois de tanto sementar chegou o momento de recoller. Refraneira e retranqueira, Carmen chegará o luns a recoller o seu premio precedida polos Gatiños de Portonovo á Casa Mariñeira de Don Fernando. Alí agardará a súa familia, fillos, netos, bisnetos e tataraneta e tamén os seus veciños e amigos. O acto terá lugar o luns, ás 12:30 horas.

0
0
0
s2sdefault