Concello de Sanxenxo - O PROGRAMA MÚSICA NA ESCOLA LEVA AO AUDITORIO EMILIA PARDO BAZÁN TRES CONCERTOS GRATUÍTOS NO MES DE MAIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

A Escola de Música Municipal de Sanxenxo segue co ciclo de “Música na Escola” cunha serie de tres concertos de distintos estilos e diferentes formacións musicais. Nesta ocasión, colaborará o Conservatorio de Música de Pontevedra e o grupo Samudra Trío. Os concertos comezarán ás 19:30 horas no Auditorio do Emilia Pardo Bazán e a entrada será gratuita. O primeiro deles será este venres,12.  Neste concerto participarán os alumnos de canto do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Brian Artur Faro (tenor) e Julia Rodrigues Fandiño (soprano), acompañados polo pianista Alberto Vilas Alonso. Nos seus programas farán un percorrido por diferentes épocas, dende o Barroco ata o Romanticismo, e estilos, cunha selección de cancións de concerto, Arias de Ópera e Romanzas de Zarzuela de compositores como Franz Schubert, W.A. Mozart, Gaetano Donizetti, Antonio Vivaldi, Gabriel Faurè, Fernando Obradors, Pablo Sorozábal ou Moreno Torroba, entre outros.

O segundo concerto terá lugar o luns 15 co Samudra Trío con temas do seu disco Odisea. Saiu a luz en novembro do 2022 despois dun mes de moitas novidades para o grupo. Tras recibir o IX Premio Martín Códax na categoría de Música Clásica e Contemporánea, estrearon o seu primeiro sinxelo co primeiro movemento, Allegro molto, do Trio Op. 86 de Nikolai  Kapustin  e o primeiro videoclip realizado por Cristina Padín coa Muiñeira do ciclo de Nemetanos do compositor ponteareán, Rogelio Groba.Mediante a confluencia de tradición e academia, interprétanse obras de diferentes formatos co obxecto de explorar as posibilidades tímbricas dos tres instrumentos: frauta, cello e piano. Os tres timbres de vento, corda e teclado que compoñen a agrupación, abren a súa gama sonora conseguido un resultado moi especial e característico.

O terceiro concerto será o mércores 24 coa Banda I do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. Trátase dunha formación instrumental que se atopa comprendida a nivel curricular dentro da materia de Banda e Orquestra.

O alumnado comprende idades de entre 12 e 16 anos. A maioría pertence a agrupacións da mesma tipoloxía en bandas da contorna de Pontevedra: Banda de Sanxenxo, Meaño, Barro, Cambados, Salcedo ...

Neste programa escollido para o día 24 amosaremos as músicas folclóricas e tradicionais do mundo dende o punto de vista dos seus compositores. Polo que será unha viaxe pasando dende Australia, Holanda Galicia ou Irlanda aproveitando o carácter tímbrico e colorista que ofrece unha agrupación de este tipo.

 

Cartel escola Musica cantoCARTEL ODISEA cartel Escola Musica banda24

 

0
0
0
s2sdefault