Concello de Sanxenxo - Sanxenxo publicita en marquesiñas e mupis 2 récords nacionais, municipio con máis praias con bandeira azul e con máis sendeiros azuis
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A partir da próxima semana, os 56 soportes publicitarios urbanos que hai no concello de Sanxenxo mostrarán 2 carteis de publicidade, un por cada unha das caras do mupi ou marquesiña. Un cartel anuncio sobre as praias con bandeira azul e outro sobre os sendeiros azuis do litoral.

 

NUNHA CARA co texto “Temos o récord” e “Praias de bandeira” publicitarase que Sanxenxo ten o récord de máis praias con bandeira azul de España. A mensaxe aparece sobre unha foto dun atardecer na praia de Foxos coa silueta da ermida da Lanzada ao fondo.

O obxectivo de anuncio cartel é transmitir aos centos de miles de persoas que nos van a visitar durante os próximos meses, moitas delas por primeira vez, que Sanxenxo ostenta o récord con 13 bandeiras azuis que corresponden a 16 praias que se enumeran na parte inferior do cartel segundo a orde natural do litoral.

Trátase de comunicar ás persoas que nos visitan que coidamos con esmero todas as nosas praias para que poidan elixir a que máis lles guste. Unha praia urbana máis concorrida como son Silgar e Baltar ou unha praia máis tranquila rodeada dun ecosistema de gran valor ecolóxico como son Pragueira, Major e A Lanzada. Sexa cal fora a que elixan todas elas cunhas augas de calidade excelente.

 

NA OUTRA CARA co texto “Sendeiros de bandeira” e “12 meses ao ano” destácase que Sanxenxo tamén ten o récord de sendeiros azuis en España. Para iso elaboráronse 3 carteis diferentes con fotos de tres dos seis sendeiros: o que une a praia de Panadeira coa de Caneliñas de 8,6 km, o que transcorre entre Montalvo e Major de 6,4 km e o sendeiro máxico da Lanzada de 3 km.

 

En España só hai 72 sendeiros azuis repartidos en 68 concellos, dos que Sanxenxo ten 6 que suman máis de 25 km.

 

O obxectivo do cartel dos sendeiros azuis é transmitir aos visitantes que, ademais das praias, hai outras moitas razóns para visitar Sanxenxo os 12 meses do ano. O noso litoral é atractivo para bañarse e tomar o sol con 30 graos, pero pasear por calquera destes sendeiros entre outubro e abril é unha experiencia única, extraordinaria se se fai baixo as pingas do famoso “ chirimiri”. É unha prioridade deste goberno destacar os recursos e atractivos que Sanxenxo ten os 12 meses do ano. Nese sentido esta campaña publicitaria é só un primeiro paso doutros que virán.

 

A decisión de poñer en marcha esta campaña publicitaria nos mupis e marquesiñas tomouse por mor de finalizar o contrato que tiña a empresa CEMUSA que se encargaba de xestionar estes soportes publicitarios.

 

O goberno ten a intención de convocar un novo concurso, pero mentres iso ocorre temos a oportunidade de utilizar sen custo algún os 56 soportes, que por dúas caras permite colocar ata 112 carteis publicitarios aproveitando o momento do ano no que máis persoas pódenos ver, que é durante o próximos tres meses.

 

Esta idea foi posible grazas á colaboración de #OllaresDePortonovo que cederon desinteresadamente as súas fotografías.

 

0
0
0
s2sdefault