Concello de Sanxenxo - O goberno presenta aos veciños o anteproxecto das sendas de Dorrón e Fabaiños
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O goberno local mantivo dúas reunións, a primeira delas en Dorrón e a segunda en Adina.

 

 

DORRÓN

 

En Dorrón, case un centenar de veciños achegáronse ata a casa de cultura para coñecer o anteproxecto dunha ruta de sendeirismo de 4.560 m que percorrería as inmediacións do Río de Dorrón, desde a praia de Areas ata o Muiño de Xian. A ruta comezaría na parroquia de Bordóns e remataría na de Dorrón.

 

Os veciños xa xestionaron a cesión dos terreos para poder facer deste anteproxecto unha realidade. E, a execución do proxecto estaría dividida en tres tipos de actuacións:

 

 

  • Actuacións lineais: sobre espazos que serán rozados, movementos de terras e obras nos firmes.

  • Actuacións puntuais: con construcións de muros de mampostería, colocación de pasales de pedra e de varanda de madeira.

  • Sinalización: tanto a propia dunha senda fluvial, como sobre as estradas e a protección dos peóns.

 

O orzamento aproximado para a licitación desta obra sería de 380.000€.

FABAIÑOS

Para a ruta do Río Fabaiños, a comisión formada por 5 veciños das asociacións veciñais de Arra, Noalla e Adina, continúan traballando na localización dos aproximadamente 100 propietarios dos terreos afectados polo trazado da senda e das negociacións para lograr as cesións necesarias.

Neste caso trátase dunha ruta de sendeirismo de 4.655 m, que percorrerá as inmediacións da canle, desde a contorna do mercado de abastos de Portonovo, ata o cruceiro de Monte Faro. 

O orzamento aproximado para a licitación desta obra sería de 350.000€.

Con estas rutas preténdese aproveitar as oportunidades que brinda a zona rural de Sanxenxo, potenciándoas como recurso turístico e alternativas de ecoturismo cada vez máis demandadas, dando un valor engadido á paisaxe da zona.

Estas actuacións están encamiñadas ao fomento e promoción do turismo nas parroquias de interior, potenciando o desenvolvemento das actuacións de diversificación de actividades vinculadas ao turismo rural, e á posta en valor do noso patrimonio.

Estas sendas poderían estar incluídas na Rede de Sendeiros de Pequeno Percorrido de Galicia, para o que, unha vez executadas será necesario solicitar a homologación das mesmas pola Federación Galega de Montañismo.

 

 

0
0
0
s2sdefault