Concello de Sanxenxo - 92 familias benefícianse desde hoxe do programa PaiFill@Nai
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O programa de conciliación familiar e laboral, Paifill@nai, iniciouse esta mañá en Portonovo, cubrindo a totalidade de prazas ofertadas en cada unha das quincenas, dando así resposta a todas as solicitudes realizadas.

Desde o Centro de Información á Muller, ponse en marcha un ano máis unha nova edición do programa Paifill@nai, que durará ata o próximo 31 de agosto e no que participarán un total de 92 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, no CEIP Portonovo.

58 nenos escolleron a modalidade de horario amplo, co que poderán entrar desde as 8.00h. ata as 10.00h. e sairán ás 13.20h (sen comedor), ás 14.30h. (con ou sen comedor) e ás 15.00h. ou ás 16.45h. con comedor. 38 nenos, con horario reducido, entrarán entre as 9.00h. e as 10.00h. e sairán ás 13.20h. Desde as 8.00h. haberá un servizo de plan madruga para todos aqueles nenos e nenas que queiran almorzar alí.

Non só mantéñense os prezos do ano pasado, senón que se rebaixan nalgúns casos ata 10€ en cada prazo posible de inscrición. Ademais, haberá descontos para o segundo e terceiro fillo que solicite praza no programa.

O programa Paifill@nai é un programa de conciliación, que este ano enfoca as actividades para traballar cos nenos e nenas desde a igualdade de xénero e a prevención da violencia dentro dun espazo creado para favorecer e promover o xogo, o establecemento das relacións sociais, a espontaneidade e a autonomía desde o respecto e os hábitos de vida saudables e o traballo das emocións. Potenciando o uso do galego e do inglés, así como outras áreas do coñecemento. Son tres as palabras craves do programa: xogo, lecer e actividades lúdicas.

O traballo dividirase por quincenas, abordando temáticas como, a familia, a repartición de responsabilidades, xogos en grupo, linguaxe non sexista, xogos populares, etc. Ademais, tamén se desenvolverán talleres como: o taller de reciclaxe creativa, o club de lectura, manualidades, o baúl dos disfraces, talleres de cociña, de modelaxe, de educación saudable e unha homenaxe a Concepción Arenal.

 

0
0
0
s2sdefault