Concello de Sanxenxo - A segunda fase das obras de mellora do centro de día será unha realidade proximamente
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Para a segunda fase das obras de mellora do Centro de Día Municipal redactouse un proxecto dunha actuación que consistirá na substitución do revestimento exterior da fachada, da instalación dunha marquesiña na zona de entrada e un soportal de comunicación entre a sala do centro e a zona axardinada.

En canto á fachada, vaise substituír o actual cerramento de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.

A marquesiña mellorará as entradas e saídas ao Centro dos usuarios, resgardándoos do frío, do sol e da choiva. Esta estrutura terá unha dimensión de 34 m2.

Por último, a pérgola na terraza interior, de 35 m2, permitirá utilizar un espazo que na actualidade está en desuso, para saír ao exterior do edificio, quedando resgardados do sol e da choiva. Tamén se acondicionará toda a zona axardinada existente.

Esta actuación ten un orzamento de 70.697€, dos cales 30.600€, serán asumidos con fondos propios municipais. É por iso que, no pleno do próximo xoves, farase unha transferencia de crédito entre aplicacións de diferentes áreas de gasto, para poder financiar dita actuación. O importe restante será asumido pola Xunta de Galicia, a través dunha subvención recentemente concedida.

Unha vez iniciadas as obras establécese un prazo de execución de 3 meses.

 

 

153.000€ de investimento no Centro de Día

O pasado mes de abril, terminaba a primeira fase da reforma do Centro de Día, cun investimento de 82.000€, o que sumado ao orzamento desta segunda fase, suma un total de 153.000€, que o goberno investirá na mellora destas instalacións.

Esa primeira fase consistiu nunha serie de obras no interior do edificio, que se resumen en: reparacións en carpintería metálica e de madeira, acondicionamento de aseo para persoas con mobilidade reducida, reforzo de tabiques, pintado do interior do edificio e recubrimento de todo o chan en linóleo para unha maior hixiene e seguridade de usuarios e traballadores.

Tamén se instalou un novo sistema de protección contra incendios, fixéronse reparacións de caldeiras, bomba de calor e depósito de gasoil e melloras na extracción de gases e cheiros.

O Centro de Día está a piques de cumprir 15 anos desde a súa posta en marcha e o uso e o paso do tempo provocaron que parte da infraestrutura necesitase unha actuación de acondicionamento, mellora e renovación.

 

0
0
0
s2sdefault