Concello de Sanxenxo - Sanxenxo terá un campamento tecnolóxico de verán destinado a rapazas e rapaces de 8 a 14 anos
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A asociación de veciños da adina en colaboración co concello de Sanxenxo organiza a primeira edición dun campamento tecnolóxico de verán destinado a rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos

TecnoSanxenxo 2018 é a denominación do Campamento Tecnolóxico de Verán de Sanxenxo, que terá lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán durante o mes de Agosto de 2018. O seu principal obxectivo é achegar ás rapazas e rapaces entre 8 e 14 anos ás tecnoloxías emerxentes, de xeito que se familiaricen e as engadan o seu catálogo de habilidades.

TecnoSanxenxo é un espazo intensivo de traballo colaborativo e inmersivo, onde nenas e nenos aprenden facendo os seus propios proxectos. Trátase dunha novidade na vila costeira de Sanxenxo, e polo tanto este ano trátase da súa PRIMEIRA EDICIÓN.

Na iniciativa tamén colaboran Taniwa, empresa que imparte os contidos do Campamento e SalnésCampus, laboratorio aberto que ten como un dos seus obxectivos principais o fomento entre os mais mozos das disciplinas STEM (abreviatura en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

As tecnoloxías escollidas para a práctica e desenvolvemento dixital no TecnoSanxenxo 2018 son:

Programación: é unha actividade de fondo que se practicará durante todo o campamento dado que precisaremos desenvolver programas informáticos que solucionen os retos co fin de completar cada un dos proxectos realizados. Traballaranse áreas coma pensamento computacional, algoritmia ou matemáticas.

Impresión 3D: aprenderemos a deseñar, modelar e imprimir en plástico ... “dos miolos á realidade no que canta un galo.” Reforzaremos capacidades de visualización espacial e revisaremos conceptos xeométricos.

Robótica: traballaremos con kits Micro:bit da BBC e programarémolos para que superen certas probas e retos.

Realidade virtual: Faremos os nosos propios mundos virtuais e os exploraremos con gafas de realidade virtual.

O campamento organízase en quendas de unha semana natural de duración do xeito que sigue:

 

  • Do 6 ao 10 de Agosto de 2018 - 75€
  • Do 13 ao 17 de Agosto de 2018 (o 15 é festivo) - 60€
  • Do 20 ao 24 de Agosto de 2018 - 75€
  • Do 27 ao 31 de Agosto de 2018 - 75€

 

O horario é de 09:30 a 13:30 horas con un máximo de 10 participantes por quenda.

A inscrición farase a través da páxina web: https://sites.google.com/taniwa.es/tecnosanxenxo2018/tecnosanxenxo-2018

 

0
0
0
s2sdefault