Concello de Sanxenxo - O goberno levará a pleno a aprobación do convenio entre a Consellería de Educación e o Concello para a construción do novo colexio de Vilalonga
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O PROXECTO DE EXECUCIÓN CONTEMPLARÁ ESPAZO PARA A FUTURA CONSTRUCIÓN DUN PAVILLÓN DE DEPORTES CON ACCESO EXTERIOR

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Sanxenxo asinarán un convenio de colaboración para a construción do novo colexio de Vilalonga.

O goberno vai levar a aprobación deste convenio ao próximo pleno ordinario do día 30 de xullo. O novo colexio de Vilalonga construirase nunha parcela de 3.600 m2 que está a disposición da Consellería desde o 29 de xaneiro de 2018, cando se aprobou no pleno a súa cesión.

A Consellería de Educación encargarase de elaborar o proxecto de execución do colexio, que terá que ser aprobado polo Concello, así como o financiamento, a licitación, a dirección e a execución das obras (que tamén será asumido pola Consellería). Nesta sentido a Xunta incluíu no orzamento do ano 2018 unha partida de 300.000€ para a redacción do proxecto e outra partida, de 3.410.000€, con cargo ao orzamento do 2019 para a súa construción.

O colexio contará con todos os espazos e dotacións que esixe a Lei para os centros do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e secundaria, incluíndo un ximnasio e dúas pistas deportivas descubertas.

O Concello, pola súa banda, garantirá que os terreos dispoñan dos usos urbanísticos e as infraestruturas necesarias, tales como a rede de abastecemento de auga, a subministración eléctrica (hai que desviar unha liña de media tensión que atravesa a parcela), saneamento e urbanización da parcela con acceso rodado e as beirarrúas correspondentes. É por iso, que, para garantir eses servizos básicos, convocouse un pleno extraordinario o vindeiro martes día 24, no que se aprobe o proxecto de urbanización da zona.

O convenio tamén contempla que o proxecto de execución debe reservar o espazo para a futura construción dun pavillón de deportes e un acceso exterior que permita o uso compartido no horario escolar e extraescolar. A iniciativa da construción deste pavillón corresponderá ao Concello, así como a xestión dos recursos necesarios para o seu financiamento, que poderán ser fondos doutra administración ou propios.

A idea do goberno é aproveitar a construción do novo colexio e completala cun equipamento deportivo que poidan usar todos os veciños de Vilalonga a calquera hora e calquera día do ano.

 

 

0
0
0
s2sdefault