Concello de Sanxenxo - A terceira vez
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Por terceira, vez nas últimas semanas o alcalde do Grove utilizou Sanxenxo para reclamar á Xunta o desdobramento do acceso ao seu Concello. Nas dúas veces anteriores botou toda a culpa dos atascos ao semáforo de As Salinas, cando todos puidemos comprobar que as retencións eran iguais co semáforo apagado, como así estivo durante a ponte de Santiago.

A pesar de non compartir as súas manifestacións, e mesmo parecernos inxustas, o goberno de Sanxenxo permaneceu calado porque, para nós, o respecto institucional e a colaboración entre concellos veciños está por encima de calquera interese partidista.

Hoxe na súa terceira arremetida contra a Xunta, o alcalde permítese chegar a dicir que se Feijoo non quere facer o desdobramento polo Grove, que o faga por Sanxenxo. Un alcalde ten todo o dereito a reclamar, e mesmo criticar, a outra administración polas razóns que considere. O que non é admisible, é manipular a realidade para conseguir un titular e, ademais, facelo utilizando o nome dun concello veciño, que nada ten que ver coas súas disputas coa Xunta.

Nós non temos información para saber se a Rede Natura que hai entre a praia da Lanzada e a zona de Ou Bao, na ría de Arousa, permite ou non desdobrar a estrada. Esa é unha cuestión que corresponde decidir ao Ministerio de Medio Ambiente e á Xunta de Galicia, mediante o correspondente estudo de impacto ambiental.

Pero imos supoñer que se pode desdobrar e que a Xunta está disposta facelo. O problema das retencións non se ía a solucionar, o único que ía ocorrer é que os atascos se ían a trasladar un quilómetro máis adiante. Desdobrado o viario que pide o alcalde do Grove, cando os coches chegasen ao final do tramo atoparíanse cun cruzamento e poderían coller dúas direccións, cara á esquerda pola PO-317, en dirección San Vicente, ou á dereita, dirección O Grove e illa da Toxa.

Por tanto, xeraríase un embude nese cruzamento e retencións en calquera das dúas direccións que elixisen os vehículos, pois se trata de dous viarios con moito tráfico e numerosos cruces. Isto sábeo ou o debería saber o alcalde, pero estamos a 10 meses das eleccións e o fácil é escorrer o vulto, botar a culpa aos demais e utilizar cortinas de fume para tapar outras carencias e polémicas, que dependen do alcalde do Grove e non da Xunta.

O Grove é un lugar marabilloso que ten unhas singularidades que xa quixesen para si outros concellos das rías de Pontevedra e Arousa. O que debería facer o seu alcalde é aproveitar eses recursos paisaxísticos únicos, en lugar de escudarse noutras administracións ou concellos veciños.

 

 

0
0
0
s2sdefault