Concello de Sanxenxo - O goberno saca a licitación a remodelación integral do parque da Panadeira e a súa contorna
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta mañá publicouse no perfil do contratante a licitación da remodelación completa do Parque da Panadeira e toda a súa contorna.

Hai uns meses o goberno solicitou unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para acometer esta actuación. E o pasado mes de xullo comunicábannos vía rexistro municipal a concesión dunha axuda por importe de 366.268€, que xunto cunha achega de 91.568€ de fondos municipais, permitirá acometer unha profunda reforma do parque da Panadeira, por un importe total de 457.836€. O proxecto ten un prazo de execución de 6 meses.

O proxecto inclúe a ampliación do parque de maneira que o espazo que agora ocupan os coches aparcados (4) incorpórase como espazo peonil, quedando o viario de acceso para a depuradora e para as maquinas que limpan as praias que hai a cada lado do parque.

A mellora inclúe a creación dunha zona polideportiva de 240 m2, dotada co equipamento propio dunha pista de baloncesto, balonmán e fútbol sala. O proxecto tamén prevé a ampliación da zona de xogos infantís coa incorporación de elementos novos, moito máis atractivos e variados que os que hai agora.

Tamén se instalará unha pérgola para protexer do sol e doutras inclemencias, dotarase ao parque de novo mobiliario máis actual e moderno e levará a cabo unha completa remodelación das zonas axardinadas e tamén a substitución do pavimento con dous acabados, lousa de formigón e zonas con formigón impreso.

En resumo, trátase de humanizar e mellorar a accesibilidade nunha zona moi concorrida polos veciños nun sitio privilexiado, que permitirá dar continuidade ao paseo marítimo que chega á praia de Panadeira.

 

0
0
0
s2sdefault