Concello de Sanxenxo - Comparativa seguridade cidadá Xullo 2017 e 2018
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A policía local, formada por un persoal fixo de 25 policías, este ano conta cun reforzo especial de 43 auxiliares. Se o ano pasado xa se dobrou o número de auxiliares contratados con respecto a veráns anteriores, este ano aínda se incrementou máis coa contratación de 10 auxiliares máis ata os 43.

Desde o primeiro momento que tomou posesión este goberno, manifestou que a seguridade cidadá é unha prioridade. A reputación de Sanxenxo como destino turístico non pode poñerse en perigo polos problemas de seguridade que viñan producindo, especialmente na contorna de porto deportivo. O ano pasado xa houbo un cambio substancial ao aumentar os recursos humanos e materiais para mellora da seguridade, especialmente nas madrugadas entre as catro e as oito da mañá, cando se producían a maioría dos problemas.

O traballo da policía local, a colaboración da garda civil e a implicación do goberno, co propio Alcalde supervisando o dispositivo de seguridade durante as madrugadas, está a permitir unha mellora da seguridade cidadá. Por suposto, segue habendo incidencias e problemas, pero agora os infractores saben que teñen un custo en termos de denuncias e multas.

A policía local leva unhas estatísticas rigorosas que recollen calquera actuación ou incidencia relacionada coa seguridade cidadá. Se comparamos o mes de xullo de 2017 e 2018 no apartado do lecer nocturno obsérvase unha diminución das 1.181 intervencións do 2017 ás 916 deste ano. Por exemplo, as denuncias por botellón redúcense a menos da metade, das 257 ás 104 deste ano. En xullo de 2017 e 2018 fixéronse un número similar de inspeccións a locais, 600 o ano pasado e 590 este ano. O número de denuncias tamén foi moi parecido con 13 e 11 respectivamente.

No  apartado da seguridade cidadá as denuncias reducíronse das 63 do 2017 ás 44 deste ano. Neste apartado inclúense as denuncias por consumo de drogas, pelexas, vandalismo e falta de respecto ou desobediencia á autoridade.  

As denuncias en relación á lei de prevención do consumo de alcol de menores creceron das 6 ás 12 deste ano, fundamentalmente polas denuncias por publicidade que incita ao consumo de alcol a menores.

No apartado de  tráfico pasamos das 154 actuacións do 2017 ás 247 deste ano. Este cambio débese ao incremento dos controis de alcoholemia e consumo de drogas de condutores por parte da policía local. O ano pasado fixéronse só 2 controis de consumo alcol e drogas mentres este ano só do primeiro fixéronse 30 e 11 do segundo. En consecuencia, o número de denuncias pasou das 3 de 2017 ás 47 deste ano.

É difícil establecer unhas conclusións xerais, pero se podemos dicir que as denuncias por seguridade cidadá e botellón reducíronse considerablemente. En parte, pode ser por menor afluencia de público e, en parte, porque ao incrementarse os controis da policía, porque dispón de máis efectivos, fai que as persoas que veñen desfrutar da movida sexan conscientes que calquera comportamento en contra da seguridade vai ter consecuencias en forma de denuncia ou multa.  

 

0
0
0
s2sdefault