Concello de Sanxenxo - Adxudicada a segunda fase das obras de mellora do Centro de Día.
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Despois da licitación a través da publicación no Perfil do Contratante da segunda fase das obras de mellora do Centro de Día Municipal de Sanxenxo, esta mañá han digo adxudicadas á empresa Degalle Construcións, por un importe de 61.710€.

Do total do orzamento, aproximadamente 30.000€, serán asumidos con fondos propios municipais. O importe restante será asumido pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, a través dunha subvención recentemente concedida.

Para esta actuación redactouse un proxecto que consistirá na substitución do revestimento exterior da fachada, da instalación dunha marquesiña na zona de entrada e un soportal de comunicación entre a sala do centro e a zona axardinada.

En canto á fachada, vai substituír o actual cerramento de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.

A marquesiña mellorará as entradas e saídas ao Centro dos usuarios, resgardándoos do frío, do sol e da choiva. Esta estrutura terá unha dimensión de 34 m2.

Por último, a pérgola na terraza interior, de 35 m2, permitirá utilizar un espazo que na actualidade está en desuso, para saír ao exterior do edificio, quedando resgardados do sol e da choiva.

A intención é que as obras poidan iniciarse a próxima semana e establécese un prazo de execución de 3 meses.

 

 

153.000€ de investimento no Centro de Día

O pasado mes de abril, terminaba a primeira fase da reforma do Centro de Día, cun investimento de máis de 80.000€, o que, sumado ao orzamento desta segunda fase, suma un total de 153.000€, que o goberno investirá na mellora destas instalacións.

Esa primeira fase consistiu nunha serie de obras no interior do edificio, que se resumen en: reparacións en carpintería metálica e de madeira, acondicionamento de aseo para persoas con mobilidade reducida, reforzo de tabiques, pintado do interior do edificio e recubrimento de todo o chan en linóleo para unha maior hixiene e seguridade de usuarios e traballadores. Tamén se instalou un novo sistema de protección contra incendios, fixéronse reparacións de caldeiras, bomba de calor e depósito de gasoil e melloras na extracción de gases e cheiros.

O Centro de Día está a piques de cumprir 15 anos desde a súa posta en marcha e o uso e o paso do tempo provocaron que parte da infraestrutura necesitase unha actuación de acondicionamento, mellora e renovación.

 

0
0
0
s2sdefault