Concello de Sanxenxo - O Concello recorrerá a valoración do XEG e tamén reclamará a propiedade dos terreos dos Rocafort
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Xurado de Expropiación de Galicia fixo unha nova valoración da leira dos Rocafort, na que incluíu os 1.214 m2 dos viarios, como establecera o Supremo. Valoración que ascende a 4.264.238€, un incremento de máis dun millón de euros sobre a anterior de 3.010.872 €.

O Concello recorrerá a nova valoración do xurado de expropiación para tentar reducila. Se os 1.214 m2 de viais se inclúen na valoración, porque non se recoñece a súa titularidade pública, entón poderíamonos atopar ante unha condición urbanística distinta que influiría na valoración dos terreos.

Pero o recurso ante o xurado de expropiación é só un primeiro paso, a continuación, o Concello iniciará a reclamación na xurisdición civil, coa intención de demostrar que, como mínimo os 1.214 m2 dos viais son públicos, porque no seu día foron obxecto de cesión obrigatoria como consecuencia das licenzas urbanísticas outorgadas aos edificios construídos na mazá de 12.192 m2, comprendidos entre a avenida de Vigo, o paseo de Silgar, a rúa dás Cunchas e a rúa Rosalía de Castro.

O goberno considera que aínda queda moito que pelexar en termos xurídicos. Non podemos garantir que os tribunais nos acaben dando a razón en todo, pero o que non imos facer é renunciar ao dereito a reclamar a titularidade pública dos terreos.

No peor escenario posible, é dicir que se rexeite o recurso ante o xurado de expropiación e que tampouco a xurisdición civil recoñeza que os terreos son públicos, o custo da expropiación sería de 4,2 M€.

Por tanto, nin sequera nese suposto se cumprirían os anuncios catastrofistas da oposición, especialmente do BNG, que hai un par de meses prognosticou que a leira sería valorada en 7 M€. E iso que entón rebaixaron moito o seu anterior prognostico de 47 M€. Unha cifra que agora parece incrible, pero ata ahí chegou a súa esaxeración.

Pero se, pola contra, o recurso ante o xurado de expropiación prosperase ou, mellor aínda, a xurisdición civil nos dese a razón, o custo da expropiación podería ser inferior a 4,2 M€, e mesmo, se recoñecesen toda a reclamación, moito menos de 3 M€.

 

0
0
0
s2sdefault