Concello de Sanxenxo - Esta mañá recibimos a resolución da concesión de axudas do plan nacional de territorios intelixentes
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta mañá recibimos a resolución da concesión de axudas do plan nacional de territorios intelixentes, pola cal Concello de Sanxenxo e O Grove reciben 893.997,85€, para o seu proxecto común.

Os dous municipios emprenderon un camiño conxunto para poder optar ás axudas convocadas pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas ( Segittur), para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais. O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino.

A convocatoria de axudas publicouse no BOE o pasado mes de novembro e destina ata 60 millóns de euros para as cidades de España que queiran converterse en destino turístico intelixente. Para poder presentarse, unha cidade ten que superar os 20.000 habitantes. É por iso que Sanxenxo e O Grove decidiron facelo conxuntamente, xa que por separado non alcanzan esa cifra. Xuntos suman 28.000 habitantes.

Ademais da suma de poboación, Sanxenxo e O Grove cumpren, conxuntamente, indicadores da orde de axudas como ser os dous únicos puntos turísticos clasificados como tal polo INE na zona e por compartir territorio conexo e similitudes na xestión como destino.

Cabe lembrar que hai 17 anos Sanxenxo e O Grove xa compartiron con gran éxito un Plan de Excelencia Turística, que permitiu que ambos os concellos desen un salto de calidade.

Converterse nun destino turístico intelixente supón o establecemento dunha estratexia de revalorización que vai permitir a mellora da competitividade, un maior aproveitamento dos atractivos naturais e culturais, a creación doutros recursos innovadores e o establecemento dunha relación co visitante máis eficiente e interactiva.

 

 

SINALIZACIÓN INTELIXENTE EN SANXENXO

Sanxenxo é o primeiro Concello de Galicia que xa ten en funcionamento sinales indicativas cun sistema integrado, que permite aos visitantes acceder a información de interese para eles.

Descargando a aplicación chamada Inventrip, pódese planificar unha viaxe no móbil en tan só tres pasos. O primeiro, crear unha axenda de viaxe, organizada en cartafoles por días, restaurantes, rutas, etc. En segundo lugar, navegar e seleccionar os lugares para visitar. E, por último, pódese compartir a viaxe con familiares e amigos a través das redes sociais.

En Sanxenxo, o proxecto piloto desta iniciativa implantouse no porto deportivo, coa instalación de cinco puntos indicativos, pero a idea é facelo extensible a todo o termo municipal. Ao achegarnos a eses puntos, automaticamente salta unha alerta con toda a información de interese da zona, sen necesidade de datos móbiles, nin wifi, soamente a través de bluetooth.

 

0
0
0
s2sdefault