Concello de Sanxenxo - Comezou o taller de sensibilización e conciencia contra a violencia de xénero
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta semana deu comezo o taller de sensibilización contra a violencia de xénero na sociedade, dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO.

O obxectivo principal desta actividade é sensibilizar á mocidade de que os patróns patriarcais e as crenzas discriminatorias cara ás mulleres son o xerme da violencia de xénero.

Todo iso mediante a elaboración dun guión cinematográfico como ferramenta didáctica para a adquisición de valores preventivos en relación á violencia de xénero. Para leva a cabo este taller, comezouse por unha parte máis teórica, de sensibilización, para dar paso a continuación á creación do curto, sempre baseándose en metodoloxías dinámicas, participativas e motivadores, aproveitando o potencial creativo deste tipo de ferramentas artísticas.

Así pois, faranse obradoiros de aula, elaboración de guións por parte do alumnado, concurso de rodaxe, edición e montaxe do curto gañador, culminando coa presentación pública do mesmo.

Este taller enmárcase dentro do proxecto, Sanxenxo en Igualdade. Un proxecto redactado desde o Centro de Información ás Mulleres que establece unha serie de actuacións dirixidas á sensibilización que se pautan como fundamentais e necesarias. Debendo comezar na infancia e a adolescencia, transmitindo valores que cuestionen os mitos sexistas e acheguen novas formas de crecer en igualdade. Todo para construír unha sociedade máis xusta e equilibrada.

Sanxenxo en igualdade ten un custo de 7.000€, dos cales 6.000€ serán financiados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

 

0
0
0
s2sdefault