Concello de Sanxenxo - Sanxenxo converteuse en agosto no primeiro destino turístico do norte de España. Setembro cada ano ofrece mellores cifras de ocupación e consumo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O mes de setembro vaise consolidando ano a ano cuns datos de consumo e ocupación mellores. Este ano a ocupación na primeira quincena, segundo CETS, foi do 74% igualando o dato de xullo. Hai anos setembro aspiraba no mellor dos casos para parecerse a xuño, agora supérao amplamente.

 

BALANCE 4 MESES

Segundo o CETS a ocupación de xuño foi do 57% igualando a cifra do ano pasado. En xullo o 74%, lixeiramente peor que en 2017 que foi do 77%. En agosto o dato de ocupación foi do 91%, igualando o mellor dato histórico que se conseguiu o ano pasado. Na primeira quincena de setembro houbo unha ocupación media do 74%, seis puntos máis que o mesmo período de 2017 un dato extrapolable ao resto do mes segundo o CETS.

O nivel que chegou a alcanzar Sanxenxo este verán constátase polo dato de que en agosto se converteu no primeiro destino turístico do norte de España con 241.571 pernoitas, superando en máis de 31.000 pernoitas ao segundo destino que foi Bilbao.

 

CONSUMOS

Os datos de consumo ofrecen cifras similares ou mellores que en 2017. Destaca, especialmente, o parking do porto deportivo que en setembro alcanzou o récord desde a súa apertura en 2005. A recadación ascendeu a 69.804 €, por encima da do ano pasado que foi de 57.331 € e que fora ata entón a máis alta. A recadación de agosto foi de 156.143 €, tamén superior aos 147.251 € de 2017.

En setembro xeráronse 1.138.070 quilogramos de residuos orgánicos (contedor verde) unha cifra superior á de 2017 con 1.093.350 quilogramos. En agosto xeráronse 1.870.860 quilogramos superando a cifra do 2017 de 1.865.080 kg.

O consumo de auga en setembro foi de 247.407 m3 lixeiramente inferior ao de 2017 cando se consumiron 248.906 m3. En agosto foi de 392.532 m3 fronte aos 382.580 m3 de 2017.

Superar a maioría dos datos de consumo e ocupación de 2017 que foi o ano dos récords é unha gran noticia para o sector turístico e a marca Sanxenxo, sobre todo se temos en conta que outros destinos tiveron unhas cifras inferiores ao ano pasado.

Sanxenxo ten a rede turística e hostaleira máis importante do norte de España con capacidade para albergar a máis de 100.000 visitantes nos 167 hoteis, 6 casas rurais, 53 pensións, 10 cámpings, 1.151 apartamentos turísticos e 11.059 segundas residencias.

0
0
0
s2sdefault