Concello de Sanxenxo - Xornadas formativas orientadas ás familias en Sanxenxo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo, os centros educativos e as Anpas do municipio organizan unhas xornadas formativas para as familias, enmarcadas no programa educativo municipal para este curso 2018/2019.

Neste senso, a partir das necesidades detectadas, intereses e inquietudes recompiladas en anteriores encontros, levarán a cabo dúas xornadas formativas.

A primeira delas unha Conferencia de Eva Millet. Eva Millet Galagarriga é xornalista e autora de “ Hiperpaternidad”, no que analiza o fenómeno dos “ hiperpadres” e ofrece claves para unha “saudable desatención”.

Nesta ocasión, o tema será sobre a tendencia dos pais actuais a sobreprotexer aos seus fillos. Considera que en moitas ocasións “educamos con medo, e non lles axudamos a enfrontarse ao día a día da vida.” Eva aposta por ensinarlle aos nosos fillos que as frustracións existen, e que se poden superar cunha paternidade e maternidade máis relaxadas.

Esta conferencia terá lugar o luns 29 de outubro, ás 20.00 h. no Pazo Emilia Pardo Bazán e para participar é necesario inscribirse previamente. Durante a charla haberá un servizo de ludoteca para nenos de 3 a 12 anos. Máis información no teléfono do Pazo Emilia Pardo Bazán (Telf.:986.72.79.36). 

A segunda das xornadas será un Curso formativo de Primeiros Auxilios impartido polo Servizo de Urxencias e Emerxencias sanitarias (061). Este curso ten o obxectivo de formar aos asistentes para atender a esas situacións da vida diaria que esconden riscos para a integridade física das persoas. Chegado este momento, coa formación adecuada, poderíanse atender, evitando e reducindo os posibles danos. Dominar uns coñecementos elementais de primeiros auxilios pode garantir un final feliz dun inesperado accidente.

O curso constará de 9 h., en grupos de máximo 15 persoas para garantir unha boa dinámica e atención. A data da xornada, que será ao longo do mes de novembro, dependerá do número total de inscricións.

Estas son algunhas das actividades que se poñen en marcha en base ás demandas expostas nas reunións do Grupo de Traballo sobre Calidade Educativa, que se presentaron a pasada semana do programa educativo para o curso 2018/2019.

0
0
0
s2sdefault